Os marcos do centro xeográfico de Galicia móvense en Nugallás

Os veciños de Antas de Ulla xa situaban este punto xeográfico neste lugar, pero a 400 metros de distancia da anterior medición. Case exacto
2019122118063663456
photo_camera Integrantes do Instituto de Estudos Ulloáns. EP

O centro de Galicia fixou os seus marcos, grazas ao estudo elaborado polo Instituto Geográfico Nacional a petición do Instituto de Estudos Ulloáns, que estableceu á fin, e despois de moitos debates, un número —7° 54" 38"", 99 W e 42° 45" 25"", 15 N— e un topónimo: o lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante (Antas).

Sen embargo, para fixar os marcos houbo que movelos un pouco. Xustamente 400 metros. O último cálculo do organismo dependente do Ministerio de Fomento vén substituír o anterior, realizado pola Universidade de Santiago, que situaba o centro a unhas leiras de distancia. De feito, ese centro xa tiña propietario, Fidel Pereiro, que semella ter levado un disgusto coa nova medición, xa que sempre presumía de que a súa terra estaba nese punto tan cobizado.

As coordenadas actuais, sen embargo, teñen tan só unha marxe de erro de dous metros, segundo o informe asinado por Pablo Carballo, director do servizo rexional do Centro Nacional de Información Geográfica, polo que xa non habería que agardar máis para chantar un fito ou sinalar o lugar dalgún xeito.

O propietario do centro xeográfico anterior lamenta que as coordenadas se desprazasen

José Mariño, veciño da parroquia que leva anos fóra, xa ten recordos dun proxecto do Concello e da Deputación nese lugar. "Non sei que pasou, pero finalmente non chegaron a facer nada. A min gustaríame que houbese un detalle, porque o centro de Galicia márcano en todas partes, pero está aquí", comenta, e refírese a Lalín, Monterroso ou Rodeiro. "Cada quen leva para a súa casa o quilómetro 0, unha etiqueta da que se aproveitaron", comenta.

CENTRO SIMBÓLICO. É lei da vida humana marcar días no calendario e puntos no espazo, modelar a terra con camiños e trazos. Por iso, saber do centro do país traía consigo un risco. Pero non. Non se pode lamentar unha plantación de eucaliptos, nin muíños eólicos. O Instituto de Estudos Ulloáns gabábase de que aínda este centro fose bosque, "non tan centenario coma outros da comarca, pero si de carballos, bidueiros e piñeiros autóctonos", comentaba onte o presidente da entidade, Francisco Pardo Teijeiro.

E como se chega ao centro de Galicia? A investigadora do Instituto de Estudos Ulloáns, María José Gómez Alvite, tamén destacaba que ao lugar conduce un camiño tradicional —Na fotografía—, "un dos que chamamos camiños de auga, que agora se enchoupan coa choiva"; un camiño que mide cen metros a pé tras deixar o coche na curva dunha pista.

Tamén destacaba a curiosidade, tal vez xustificada, de que a vía romana pasase moi cerca dese punto, "pois dende tempo inmemorial percibiuse que a comarca era o centro de Galicia, algo que agora a última tecnoloxía vén confirmar", comentó.

CÁLCULO. O informe do Centro Nacional de Información Geográfica comeza referíndose á complexidade do problema xeodésico que supón determinar o centro xeográfico dun lugar. Para calculalo, cómpre ter en conta a curvatura do planeta e a irregular orografía galega.

"Se ha calculado utilizando el algoritmo centroide de PostGIS, que es el mismo que resulta de dividir la superficie de Galicia en rectángulos infinitesimales de una centésima de grado, en los que se calcula el centro de gravedad y el área resultante", detalla o informe, que tamén confirma que os datos se comprobaron co software de sistemas de información xeográfica máis avanzado.

OUTROS CENTROS. A precisión deste estudo é a maior coñecida até agora. Sen embargo, aínda existen factores que poderían facelo variar. Os marcos móvense dende sempre, e os centros xeográficos non son exactos. O informe emitido non obvia o seu carácter aproximado. "Piénsese, por ejemplo, en los cambios de la línea de costa por el aumento del nivel del mar o en que cualquier obra portuaria varía el contorno", indican.

Por outra banda, unha cousa é a xeografía física e outra, a política. O centro do continente europeo é unha cousa, e o da Unión Europea, outra. Este varía conforme vanse sumando países, e o Brexit tamén o movería de sitio. A última medición sitouno na cidade bielorrusa de Polotsk, onde un monumento semellante a unha brúxula permite establecer os puntos cardinais do continente.

O centro xeográfico da Península Ibérica está no Cerro de los Ángeles, en Getafe, e pivota nun monumento relixioso. Tamén en Cataluña, lembrado por unha rosa dos ventos no santuario de Pinós. Euskadi ten o embigo na na campa de Olibesario, na serra de Andia, marcado por círculos de pedra concéntricos e máxicos. En Galicia, xa o sabemos, a cerna é de árbore, de carballeira. Agora só falta que Antas de Ulla garde e coide a súa paisaxe, como fixeron todos estes lugares.

Comentarios