Lugo Madeira apoia a planta de Altri e o BNG recolle 300 alegacións

A xerente da entidade, Nuria Rodríguez, definiu o proxecto como "necesario para el sector forestal de la provincia de Lugo" 
G
photo_camera Representantes do BNG, na recollida de alegacións en Lugo. EP

Lugomadera manifestou este xoves o apoio do colectivo ao proxecto de Altri, o que a súa xerente, Nuria Rodríguez, definiu como "necesario para el sector forestal de la provincia de Lugo, así que iremos de la mano en esta iniciativa".

Así o asegurou tras a visita do director do proxecto Gama, Bruno Dapena; da directora de Recursos Humanos, Olga López, e do director de Altri Forestal, Miguel Silveira. Este último expuxo que o proceso de fabricación de celulosa para lyocell precisará 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto ao ano, que poderá ser nitens ou globulus.

Dapena detallou que actualmente a iniciativa está en proceso administrativo de tramitación ambiental e de solicitude e tramitación de axudas públicas, as cales asegurou que son "indispensables para la viabilidad del proyecto".

Alegacións. Mentres, o BNG recolleu na tarde de este xoves máis de 300 alegacións ao proxecto que a pasteira lusa Altri, a través da súa filial Greenfiber, prevé instalar en Palas de Rei. Así, veciños e veciñas de Lugo pasaron pola mesa instalada no centro da cidade para manifestar o seu rexeitamento á fábrica de celulosa e fibras téxtiles.

O voceiro do Bloque na capital luguesa, Rubén Arroxo, asegurou que, a través desta iniciativa, os cidadáns mostráronse en contra dun proxecto que "non é sostible nin moito menos circular, tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos", ao que agregou que durante dous anos se publicitou "como unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación".

Arroxo tamén lembrou algunhas das características do proxecto, como a cheminea de 75 metros ou a superficie de "case un millón e medio de metros cadrados" que prevé ocupar o complexo, para pór de relevo o impacto que suporá para a comarca da Ulloa e a súa contorna. Así mesmo, subliñou as "emisións contaminantes que chegarán ata Lugo", a afectación no Camiño de Santiago, na industria agrogandeira e no marisqueo da ría de Arousa e o "incremento da eucaliptización", que afectará "os equilibrios, a biodiversidade e as cadeas de valor da industria forestal galega".

Comentarios