O grupo de teatro de Antas de Ulla sopra as candeas do 25 aniversario

Os seus integrantes penduraron tres vídeos en Youtube para repasar os mellores momentos
Representación de 'Acto único: un cabaret do máis normal'. EP
photo_camera Representación de 'Acto único: un cabaret do máis normal'. EP

Teresa Batán nunca fixera teatro. Non sabe moi ben que foi o que a levou a anunciar esa actividade como responsable da biblioteca de Antas de Ulla hai 25 anos. O que está claro é que foi unha decisión acertada que trouxo consigo anos e anos de escenarios, viaxes, amizades, risos, liberdade e moito teatro.

"De catro anos en adiante", indicaba o anuncio daquel momento. Así, o grupo de teatro tivo as modalidades para adultos e infantil -co apoio de Dolores Mariño-, que se manteñen até agora, cun total de 30 persoas apuntadas dende o inicio. Hoxe o número de teatreiros case se duplicou, aínda que os actores non sexan os mesmos, pois o grupo sempre funcionou como unha escola.

Aplausos tras 'A tía lambida', en 1995. EP

Aplausos tras 'A tía lambida', en 1995. EP

Naquel primeiro ano nin sequera tiveron director. Elas mesmas prepararon as obras que levaron ao escenario, difíciles de esquecer: A estación de autobuses, de Socorro Tajes; A tía lambida, de Eduardo Blanco-Amor, e Un día na vida de Vladimiro e o seu can Trotsky, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

Para o ano seguinte xa contarían co actor profesional Jouse García como director, que os acompañaría ao longo de 22 anos, agás un, que tivo que ser substituído por Xabier Deive. O ano pasado a encargada de escribir e dirixir a peza para o grupo de teatro de Antas de Ulla foi Paula Carballeira, con Acto único. Un cabaret do máis normal.

Este ano, por mor do 25 aniversario, tiñan o proxecto de recuperar escenas de toda a traxectoria do grupo baixo a dirección de Ana Carreira. Nesta singular obra, que retomarán cando sexa posible, participarán algunhas das persoas que deixaron o grupo pero lle deron algunhas das mellores escenas.

O estado de alarma só lles permitiu soprar as candeas en Youtube, pero fixérono con forza e con tres vídeos. No primeiro, falan os pequenos. No segundo, integrantes do grupo representan escenas favoritas ou revelan as mellores anécdotas da traxectoria. No terceiro, profesores que pasaron polo grupo e polo campamento de teatro que este organiza no verán contan o que significou para eles a experiencia. Para todos, o de Antas é o verdadeiro teatro e un exemplo de dinamización do rural.

Comentarios