Unha escola de violín en Ghana

O violinista Rudi Esteban e a bióloga Sandra Goded, impulsores da asociación ullá Quercus Sonora, cumpren estes días o seu soño de poñer en marcha unha escola de música nunha aldea africana implicada na conservación dun santuario de monos
Sandra Goded, co alumnado e as docentes de Boabeng. EP
photo_camera Sandra Goded, co alumnado e as docentes de Boabeng. EP

Hai historias que contradín as inercias do mundo, as guerras do mundo, a falta de horizontes de esperanza no mundo. Esta é unha delas. A historia de oito violíns, que hai poucos días chegaron a Boabeng, unha pequena aldea do distrito norte de Nkoranza, en Ghana. Levounos consigo Rudi Esteban Ferreiro, violinista, dende Antas de Ulla. Alí o esperaba xa a súa compañeira, a bióloga Sandra Goded. Os dous son os impulsores de Quercus Sonora, a asociación que conxuga a custodia do territorio coa música de cámara na comarca da Ulloa. Montar unha escola de violín en Ghana é a súa nova aventura, nun lugar e nun proxecto que semella feito para as inquedanzas desta parella excepcional.

Boabeng é un lugar ben coñecido para as persoas amantes dos animais por albergar un santuario de dúas especies de monos, a mona de Campbell e o mono de Geoffroy, especies en perigo de extinción que alí se conservan por seren sagradas para a comunidade. A crenza de que, ao morrer, os seres humanos se reencarnan nestes animais, e que eles coidan dalgún xeito dos seus descendentes, fai que a convivencia sexa respectuosa e estreita, segundo conta Rudi.

Alí, hai pouco máis dun ano, un veciño da zona, Joachim Boadi, puxo en marcha unha escola. "Isto quere dicir que a levantou tamén coas súas mans, co resto da comunidade", engade. E fíxoo convencido de que a educación é un medio seguro de erradicar a pobreza e as súas narrativas en África, de que a pervivencia e supervivencia pasa por un mesmo proxecto para todos: persoas, animais e bosque. Neste tempo de funcionamento, a escola duplicou o número de alumnos, e hoxe son un total de 42. Os gastos da escolarización cúbrense grazas a un programa de padriños e madriñas de distintos lugares do mundo.

Sandra Goded coñecía este lugar polo seu traballo como bióloga, o que a levou xa hai case un mes a Ghana a realizar un censo dunha especie de voitres ameazados coa ONG International Bird Conservation Partnership (IBCP), coa que colabora no seu facer en distintos lugares do mundo e coa que foi xa varias veces ao país africano.

Pola súa banda, Rudi tiña este soño de crear unha escola de violín en África, e o feito de que a escola de Boabeng xa estivese en marcha animouno a impusala alí. Un soño, por outra banda, sostido con desexo e tempo. Foron varios os meses que precisou para reunir os oito violíns que estes días comezarán a dar as primeiras notas noutra latitude, coa colaboración de amigos de distintos lugares do Estado e do Arcoiris Musical de Lugo, e tamén para aforrar os cartos que custa a viaxe. Rudi pasará dez días neste lugar, dando clases de violín aos nenos. Tamén formará a un adulto, para que supervise o traballo que os pequenos violinistas continuarán cando el marche e ata que volva. Cando? Antes, se atopa algún patrocinio, pois todo isto faino con moitas ganas, pero cos cartos ben xustos. A súa idea, ademais, é ampliar a formación con outros docentes que impartan aulas de viola e violoncello, para así poder formar un grupo de corda neste lugar e abrir así un horizonte para nenos e nenas relacionado coa música.

UNIDOS POLOS BOSQUES. O proxecto da escola de Boabeng tamén procura a expansión do bosque que dá acubillo aos monos e tamén á comunidade, unha cuestión que toca moi de preto a Sandra e a Rudi, que levan anos xestionando terreos que os veciños e veciñas da Ulloa lles cederon para seren xestionados, e outros que foron comprando a través da asociación Quercus Sonora para recuperar o bosque autóctono do corazón de Galicia. Moitas foron as árbores plantadas coa axuda e aportación de voluntarias e colaboradoras, e na sombra que xa deron, ou noutros lugares ao sol, celebran cada ano o Festiulloa, o festival de música de cámara da comarca.

Un dos monos do santuario. SANDRA GODED
Un dos monos do santuario. SANDRA GODED

Tamén en Boabeng buscan ese apoio de padriños e madriñas para facer medrar ese bosque xa case lindeiro coa sabana en Ghana, un dos poucos lugares seguros para os primates, moi castigados pola caza no país. Se na Ulloa Quercus Sonora xestiona xa preto de tres hectáreas, en Ghana o proxecto albisca xestionar tamén unha dimensión semellante, onde plantar 3.000 árbores que estean sempre protexidas.

A propia comunidade desenvolveu alí un proxecto de ecoturismo, e a escola está vencellada a el, consciente de que depende da educación dos nenos na comunidade do santuario. "A escola ten unha dimensión moi grande de educación medioambiental, é un proxecto moi avanzado", comenta Rudi, que fai fincapé na visión que comparten con Joachim, a pesar dos quilómetros de distancia que os separan.

A partir de agora, tamén compartirán a música, e emocionará pensar que, en contra das inercias deste mundo, unha parella tira das cordas dun violín para darlle outros sentidos.

Comentarios