sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

A flora única da serra do Careón xa ten parcela propia

Santolina melidensis. EP
Santolina melidensis. EP
Custodia do Territorio formalizou a compra de 4,5 hectáreas para conservar tres especies endémicas da Ulloa en perigo de extinción

A serra do Careón, na comarca da Ulloa, alberga tres especies de plantas que non existen en ningún outro lugar do mundo: a herba de namorar de Merino (armeria merinoi), a santolina de Melide (santolina melidensis) e a margaza de Barazón (leucanthemum gallaecicum). As tres especies endémicas están en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Por iso, a Asociación Galega de Custodia do Territorio leva anos dando pasos para reverter o que, sen iniciativas ao seu favor, sería unha despedida. Hai pouco máis dunha semana, a entidade formalizou a compra de 4,5 hectáreas na serra para a conservación desta flora, en parte con fondos públicos, pero tamén coa colaboración de ducias de persoas que apoiaron un micromecenado.

Que ten o Careón para ser o único lugar destas plantas? Serpentina, un mineral escaso —no mundo só o un por cento do chan componse del, porcentaxe aínda menor en Galicia, cun 0,2— e tóxico para a meirande parte das especies, non para elas.

Porén, segundo conta Martiño Cabana, biólogo especialista en conservación e portavoz de Custodia do Territorio, as plantacións de piñeiros e eucaliptos nesta zona —considerada Rede Natura— fixeron á especie entrar en declive hai preto de 20 anos. Tamén pesou en contra o abandono dos usos tradicionais do monte neste lugar, como o pastoreo e as queimas periódicas controladas, que a beneficiaban. "Son especies que non resisten ben a competencia, sexa a de plantacións forestais ou a da matogueira que vai predominando nos terreos abandonados", indica.

Ante esta situación, a Asociación Galega de Custodia do Territorio comezou a arrendar terreos a través do Banco de Terras de Galicia, algo que compaxinará coa xestión das terras que xa posúe en propiedade para xestionar estas tres plantas. Para iso, están finalizando a redacción dun plan, conxunto entre técnicos da entidade e botánicos da Universidade de Santiago, e que agardan que a Xunta aprobe este ano.

A serpentina é un mineral escaso e tóxico para moitas especies, pero imprescindible para estas

Esa xestión, segundo conta Cabana, pasa pola eliminación de especies alóctonas, como piñeiros e eucaliptos, e polo desbroce. Tamén por facer que os veciños da zona sintan as plantas como veciñas e que, inda que non queiran vender os seus terreos, teñan ferramentas para xestionalas, cousa que xa vai sucedendo. Conta Cabana que un dos propietarios que quere seguir mantendo os piñeiros comentoulle que deixará unha parte sen plantación, onde detectou a presenza dunha delas.

NEGOCIACIÓNS. A persoa que mediou para formalizar esta compra foi Beatriz Rodríguez-Morales, enxeñeira de montes. As 4,5 hectáreas compradas sitúanse no lugar de Barazón, na parroquia de Santiso do concello de Melide, un lugar que a asociación elixiu por ser unha das zonas de maior interese destas plantas.

Conta Rodríguez-Morales que foron un total de catro os propietarios que venderon cinco parcelas, nun proceso "lento" que tamén responde ao carácter pioneiro da iniciativa. "Era a primeira vez que se compraba unha parcela con fin de conservar a flora", comenta. O proceso, porén, rematou con propietarios en listaxe de agarda, dispostos a vender as súas terras, hoxe improdutivas.

Custodia do Territorio serviuse dunha subvención da Deputación da Coruña para sufragar o 75% da compra, que completaron cunha campaña de micromecenado. Este ano volveron pedir a mesma subvención. "O noso obxectivo de compra é a longo prazo, pero o noso traballo non vai ser suficiente. Agardamos que outras administracións que teñen a obriga asuman o seu", afirma Cabana.

A flora única da serra do Careón xa ten parcela propia
Comentarios