Fernando Pensado: "Teño algún veciño que chegou a nacer no meu automóbil"

O que fora alcalde de Palas entre 1983 e 1985 e de 1999 a 2011 acaba de xubilarse da súa profesión como médico, a súa gran vocación. Dese traballo nun concello ao que chegou no ano 1978 garda innumerables anécdotas e agora afronta a súa nova etapa coa única ambición de gozar dos seus netos
Fernando Pensado. AEP
photo_camera Fernando Pensado. AEP

Fernando Pensado (A Baña, 1952) chegou a Palas de Rei en 1978, xusto cando acabou o servizo militar. Previamente, licenciárase en Medicina e exercera como facultativo no municipio coruñés de Aranga e no lucense de Navia de Suarna. Recentemente xubilado, recoñece que a súa profesión foi a súa gran vocación e que de volver nacer, "non a cambiaría por nada".

Como acabou en Palas de Rei?
Foi en 1978 e foi un pouco por casualidade. De feito, ao aprobar as oposicións pedira como destino O Corgo, xa que a miña muller traballaba de enfermeira en Lugo e pensaba que me quedaría máis cerca. Sen embargo, o que era por entonces médico en Palas, Gerardo Porto, díxome que quedaba unha praza libre alí. Faloume marabillas do lugar e fíxome cambiar de opinión.

En todo caso foi unha chegada un tanto accidentada.
Pouco antes de incorporarme ao novo posto eu exercía en Navia de Suarna. Alí escorreguei nunha nevada e rompín os calcaños, polo que cando cheguei con 25 anos a Palas, fíxeno en muletas e cadeira de rodas. Cando lle dei as credenciais ao meu xefe, alguén lle preguntou se eu era o novo médico. El respondeu que si, pero engadiu "aínda que non debe ser moi bo, xa ve como vén" (ri).

Como era Palas de Rei por aquel entón?
Era un concello moi rural, non había teléfonos e case nin existía a estrada nacional. Ás aldeas había que chegar case sempre por camiños que só se podían facer andando. Era unha situación moi diferente á de agora.

"Aquelas longas xornadas de traballo fixeron que só puidese ver os meus fillos mentres durmían"

Aínda así, atrapouno.
A verdadeira riqueza de Palas de Rei está nos seus veciños, iso foi o que me atrapou. Había moitos heroes anónimos que se deixaban a pel cada día para mellorar todo aquilo. Esa oportunidade de poder axudar foi, seguramente, o que fixo que me acabase metendo en política.

E como era o día a día dun médico naquela contorna rural?
Era moi complicado. Aos poucos meses de instalarme en Palas, casei e puxen un consultorio no que só había unha padiola, unha cadeira, unha pequena mesa e un catre. Consultaba na casa desde as sete da mañá, ás tres ou catro da tarde comía algo e despois ía facer visitas a domicilio. Aquel ritmo de vida fixo que practicamente só puidese ver os meus fillos mentres durmían.

Foi a parte máis negativa?
Sen dúbida, se non chega a ser pola dedicación da miña muller non chegarían a ser as persoas que actualmente son. Por iso agora non estou disposto a repetir e aproveitarei a miña xubilación para gozar e ver crecer os meus dous netos. Ser avó é todo un descubrimento.

Aquelas vivencias darían lugar a numerosas anécdotas, non?
Moitísimas. Lembro unha das miñas primeiras saídas a unha aldea. Un home veu buscarme ás catro da mañá, para que fose atender a súa muller, e tivemos que deixar o coche a dous quilómetros da casa para continuar o camiño andando. Entre a escuridade e o barro caín catro veces antes de chegar. Noutra ocasión, ía trasladar unha parturiente no meu coche a Lugo, pero todo se adiantou. Podo dicir que teño un veciño que naceu no meu automóbil.

Ademais de alcalde foi tamén deputado provincial e parlamentario autonómico e, aínda hoxe, é concelleiro na corporación municipal. Está satisfeito do seu paso pola política?
Do meu paso pola política tampouco me arrepinto e creo que fixemos moitas cousas que contribuíron a mellorar Palas. Tiven a sorte de ver como a vila creceu, sobre todo, en torno ao Camiño de Santiago, o que no seu momento foi algo polo que non todo o mundo apostaba, e menos da forma tan decidida como o fixo aquela Xunta presidida por Manuel Fraga en 1990.

Xubilarase tamén da política ou vai a estar nas listas municipais de cara ás eleccións de 2023?
Hoxe en día, este concello ten en Pablo Taboada un excelente alcalde e que eu vaia ou non nas próximas listas será unha decisión exclusivamente súa. Eu, desde o papel que me toque, seguireino apoiando e axudando en todo o que poida.

Comentarios