martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

A falcatrúa de facelo todo

Maruchi Pérez e Blanca Novo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Maruchi Pérez e Blanca Novo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Organizar cursos, xestionar festivais e crer que todo é posible. Maruchi Pérez e Blanca Novo, presidenta e vicepresidenta de Falcatrueiros durante 33 anos, serán homenaxeadas pola nova directiva da asociación coa que mudaron o rostro de Monterroso.

No mundo hai persoas que se queixan porque 'aquí nunca pasa nada' e, despois, están Maruchi e Blanca, que "como en Monterroso non había nada, fixemos todo", din. Presidenta e vicepresidenta de Falcatrueiros durante case 33 anos, a renovada xunta directiva da asociación renderalles o vindeiro día 11 unha homenaxe. Por poñer o municipio a andar, ou máis ben, a bailar.

A danza foi, precisamente, o único movemento que tiña aquel Monterroso de comezos dos 80, e que no 85 se constituíu en asociación. Maruchi Pérez e Blanca Novo chegaron un ano despois. O nome da asociación foi case o único que lles veu dado, pero elas crearon con el un xeito de estar no mundo: "ser falcatrueiro", retorcendo un chisco o significado da palabra.

A súa falcatrúa maior foi crer que todo era posible. "Se oiamos que alguén dicía que quería aprender a tocar a guitarra, xa estabamos nós argallando as clases. Outro día alguén falaba do xadrez, e buscabamos a maneira de ofertalo", comenta Maruchi

Se agardasen a ter un local, profesores titulados, nunca terían comezado, e Falcatrueiros non tería o mesmo significado. "Por non ter, non tiñamos nin gaiteiros!", exclaman. Ao principio, esas clases deunas quen puido. Por exemplo, o home que pendura retratado xunto coa banda de música nas paredes do bar García. Blanca sinálao: "Fómolo buscar para que dese as aulas de bombo". E a tantos outros. Percorrendo as aldeas ata atopar a persoa certa.

Blanca busca a súa filla nunha fotografía, entre os nenos que enchen unha camioneta. "Aquí está, co traxe galego, na procesión de San Cristovo. Apuntouse ás aulas con dous aniños. Despois, o fillo. Á fin, estabamos todos dentro da asociación", indica. Maruchi, por outro lado, confesa: "Considéroos meus fillos a todos".

Maruchi e Blanca son coma irmás. Entraron xuntas na directiva no ano 1986, e presumen de que nunca tiveron ningún conflito

Elas cáseque son coma irmás. "Nestes 33 anos nunca tivemos un problema", afirman. E iso que ser presidenta e vicepresidenta de Falcatrueiros non foi só adicarse ao cultural, ao social e ao deportivo. Non foi só montar unha escudería e ver pilotar a Fernando Alonso con nove anos. Nin organizar cursos de carpintería ou tapicería para mulleres. Nin tampouco ofrecer clases gratuítas a máis de 200 nenos. Ser presidenta e vicepresidenta implicou tamén "coser os traxes, cociñar —cociñar moito!—, limpar, ir buscar prendas a Lalín, levar aos rapaces polo mundo adiante aos distintos campionatos de danza, coidar, quitarlle horas ao sono", contan.

Maruchi compatibilizou esta presidencia até 1995 cunha concellaría e un posto de mestra en Taboada. Blanca, co negocio familiar e a crianza dos fillos. Aínda así, fixeron todo. Calan cando se lles pregunta se quedou algo por facer. Normal. Pódese dicir que os pícaros de Monterroso coñeceron aos Reis Magos de Oriente grazas a elas. Aos vestidos que bordaron para aquela primeira cabalgata nun carromato, que o ano seguinte sería no tractor do tío Fernando. Aos cartos pelexados porta a porta.

"Entramos e marchamos xuntas", din. A homenaxe? "Se o fixemos foi porque quixemos!", exclama Maruchi. "Pero polo aguante que tivemos, hai que aguantar agora", di. Aguantar os aplausos que merecen, por suposto.

Un merecido recoñecemento
Tatiana Rodríguez é a actual presidenta de Falcatrueiros, pero antes diso foi alumna da asociación durante décadas. Séntese recoñecida na relación de Maruchi con Blanca pola que ela ten coa secretaria, Susana Gómez, coa que bailou "toda a vida". En maio elas sumáronse á renovación da xunta directiva desta asociación, e despois do traballo asumido por primeira vez no verán, cos distintos festivais que organizan, quixeron programar a merecida homenaxe ás súas predecesoras.

Cea homenaxe
A cea en homenaxe a Maruchi Pérez e Blanca Novo será o vindeiro venres 11 de outubro. O domingo é o último día para realizar as reservas, que poderán formalizarse na mercería Gaseosas e na libraría D´Papel. O prezo por cuberto é de 25 euros, e onte xa había máis de 60 inscritos.

"É un acto que merecen, porque estiveron toda a vida ao pé do canón", comenta Tatiana Rodríguez. "Falcatrueiros é unha parte fundamental da vida asociativa e cultural de Monterroso", engade.

Inscricións abertas
A nova presidenta da asociación tamén lembrou que neste momento están adaptando o local social para dar comezo a un novo curso de actividade. O prazo de inscrición para apuntarse está aberto. Este ano ofrecerán aulas de danza galega, danza contemporánea, danza clásica, pintura, gaita, percusión e canto e pandeireta.

A falcatrúa de facelo todo
Comentarios