Eva Mera: "A pintura xa che di por onde ten que ir, só tes que deixarte levar"

A pintora compostelá, veciña de Sobrado dos Monxes e mestra de pintura en Palas, Melide, Arzúa e Toques, expón as súas obras no castelo de Pambre ata o 21 de maio
Eva Mera. EP
photo_camera Eva Mera. EP

A compostelá Eva Mera ensina a uns 70 rapaces, de entre catro e 14 anos, dos municipios de Palas de Rei, Arzúa, Melide e Toques a manexar, sobre todo, a acuarela. Traballa no que máis lle gusta, tal e como ela mesma di, na pintura. E unha pequena mostra desa dedicación, aderezada con textos cargados de intimidade e fotografías feitas por ela mesma, é o que se pode ver ata o vindeiro 21 de maio na sala de exposicións do castelo de Pambre baixo o nome El hogar, detrás del hogar.

De onde vén ese título?

Esta é unha mostra de pinturas que saquei da libretiña na que debuxo. Son momentos dunha vida sinxela. Eu vivía en Santiago con miña nai e con meu irmán, logo trasladeime a Vilasantar e finalmente a Sobrado dos Monxes, que foi onde recuperei o gusto por pintar e atopei o meu fogar. Quizais temporal, pero atopeino. Podo dicir que é un resumo das miñas vivencias a través de cousas agradables.

Hai tamén fotos e textos.

Si, as fotos son capturas relacionadas coa natureza: paxaros no seu niño, gatiños... Non me considero fotógrafa, pero si que é unha maneira de expresar os meus sentimentos. E sobre os textos, xa escribín dous libros, un en 2016, El caballero del corazón de lata, onde falo do bosque Cielo, que foi como lle chamei ao lugar onde xogaba de pequena e é unha obra que esconde as miñas vivencias disfrazadas de ficción, e outro en 2018, Un mar llamado nosotros.

De onde veñen estas paixóns?

De sempre, malia que non teño familiares próximos que sexan artistas. A miña nai foi enfermeira, pero tenme falado dun antepasado de Trazo que foi ver os confesionarios da catedral de Santiago e foi quen de replicalos en madeira, así que algo de artista tiña.

Pinta moito?

A verdade é que non, normalmente sáeme á primeira e rara vez teño que repetir unha obra. É algo moi vocacional. De feito, sempre lle digo aos rapaces que a pintura xa che vai dicindo por onde ten que ir e só tes que deixarte levar.

Comentarios