sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

"Esperamos inaugurar o Museo de Monterroso o próximo ano"

xosé francisco
Xosé Francisco Pardo Teijeiro. EP
Xosé Francisco Pardo Teijeiro, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, móstrase orgulloso da actividade desevolvida pola entidade nos seus cinco anos de vida e fálanos dunha das súas principais prioridades: o museo 

Que balance fai destes cinco anos de actividade do Instituto de Estudos Ulloáns?

A verdade é que estamos moi orgullosos do traballo que desenvolvemos, hai que ter en conta que a nosa comarca ten só 9.000 habitantes e conseguimos chegar ao nivel de moitos outros institutos cuxa área de influencia pode chegar a unha poboación de 50.000. Logramos acadar, partindo dun territorio totalmente rural e case deshabitado, o nivel doutras institucións que dispoñen de moitos máis recursos. Ademais da liña de publicacións, recuperacións e estudos etnográficos, obtivemos algo que non logrou ningún outro, que foron as diferentes exposicións de arte contemporánea.

Como de necesario era para a comarca ter unha asociación cultural con estas características?

A idea de crear o instituto xurdiu precisamente porque percibiamos un déficit no aspecto cultural, faltaba unha entidade que actuase a modo do antigo Seminario de Estudos Galegos. Aínda que pode parecer que somos unha asociación de elite ao contar con historiadores, xornalistas e demais, en realidade o obxectivo non é outro que o estudo, a divulgación e a protección do patrimonio, polo que a nosa agrupación é máis ben de cultura académica.

Dende o instituto realizan un gran número de actividades e visitas, como obteñen os recursos necesarios para poder levalas a cabo?

A base de todo é o voluntariado e as cotas dos socios. Dende que comezamos coa publicación do boletín Cairón, contamos cunha achega da Deputación de Lugo, ademais da axuda que obtemos do Xacobeo e de colaboracións privadas con empresas como Gadis. 

Como evolucionaron as últimas edicións de Cairón?

En esencia, seguen a liña editorial marcada polo seu director, e xornalista, Daniel Salgado. Para nós a publicación de Cairón sempre vai a ser o principal obxectivo, pois aínda que quedemos sen actividade este boletín sairá adiante. Agora enfrontamos un pequeno problema debido ao aumento de aportacións literarias, provocando que a revista adopte cada ano un tamaño maior. De cara ás próximas publicacións, estamos pensando en dividila en dous volumes diferentes, un de historia e etnografía e outro sobre literatura.

Como vai o proxecto do Museo de Monterroso?

Contamos poder facer a inauguración a mediados do próximo ano. A verdade é que temos unha gran colección etnográfica e vai ser un museo referido ás feiras, en concreto á de Monterroso, polo que esperamos que se convirta nun modelo para Galicia e un reclamo de cara ao resto de España. Vai estar xestionado por nós pero a titularidade vai corresponder ao Concello, pois queremos que pertenza ao pobo de Monterroso a través da implicación do seu goberno.

Que espera do futuro do instituto na Ulloa?

Gustaríame que seguise igual, pois estamos a vivir un bo momento de desenvolvemento económico na comarca da Ulloa. Ademais de empresas xa consolidadas e de tamaño considerable, tamén están xurdindo novas iniciativas de cultivos ecolóxicos que son moi respectuosas co contorno. Desta maneira, nós queremos apostar polo novo agro, pero sen esquecernos nunca de onde vimos.

"A lei debería ser moito máis estrita se queremos conservar o noso patrimonio cultural" 

Como valora a implicación dos gobernos co coidado do patrimonio?

Dende o punto de vista das subvencións para actividades, penso que os cartos son insuficientes porque somos moitas asociacións e, aínda que a nós si que nos permiten cubrir as nosas necesidades, non chegan para o gran patrimonio que temos en Galicia.

E a lexislación actual?

Por desgraza non temos o respaldo que deberiamos porque, aínda que si existe unha lei para regular e protexer o noso contorno, esta resulta insuficiente e debería ser moito máis estrita se queremos conservar o patrimonio cultural. O mellor exemplo témolo no monte Farelo, que garda petróglifos cun valor enorme, onde permitiron a construción de granxas moi próximas aos gravados. A normativa di que non se poden facer obras a menos de 30 metros destes elementos, pero ao mesmo tempo a propia letra pequena si que o permite se a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dá a súa aprobación expresa, que foi o que aconteceu neste caso.

"Esperamos inaugurar o Museo de Monterroso o próximo ano"
Comentarios