Alibós, en Monterroso, é unha firma que se dedica desde hai máis de 50 anos ao aproveitamento de produtos silvestres e que destaca, sobre todo, pola produción de castaña pelada e conxelada.
Que valoración fai do recente galardón outorgado nos Premios Galicia de Alimentación?
Valorámolo moito. É un recoñecemento despois destes anos de pandemia. O certo é que nos anima a seguir pelexando por mellorar. Supón unha satisfacción moi grande, e pon en valor a nosa traxectoria empresarial.
Que previsións hai para este ano?
Será outro ano complicado polo aumento nos custos. Terán unha partida grande. Diría que en todos os sectores será difícil, pero seguiremos adiante. Grazas á nosa estratexia, durante a pandemia non só nos mantivemos, senón que puidemos crecer.
Cal é a chave deste crecemento da empresa?
A constancia e a seriedade son fundamentais. Os estándares de calidade dos que dispoñemos e a IXP Castaña de Galicia nos dan moitas opcións. Tamén a diversificación levada a cabo nos países aos que vendemos.
Os recoñecementos nos animan a seguir pelexando por mellorar. Son unha gran satisfacción e destacan o noso camiño
O incremento de prezos e a inflación afectarán á exportación?
Si, aínda que non sabemos como. Exportamos case todo o noso produto, especialmente a Francia e Suíza, pero tamén fóra de Europa. En outubro ou novembro, que é a tempada forte de consumo, veremos de que xeito.
Un verán tan cálido pode prexudicar a colleita?
Foi o xullo máis cálido que recordamos, non estamos acostumados a estas temperaturas. É cedo para avaliar os efectos que pode ter na floración, pero dende logo que será un ano de incertezas sumado ao anterior, cando xa tivemos problemas co fungo que lles afectou aos soutos. Como se adoita dicir: as castañas queren en agosto arder e en setembro beber.
Como ve o futuro para o sector da castaña ante o cambio climático?
Haberá que plantar en zonas máis altas, de media montaña, nas que non haxa tanta sequía. Preparar unha estratexia neste senso é moi importante. O regadío dos soutos será o que nos dea unha maior seguridade na produción.