Elier Ojea Ureña: "Esperemos que non lle sigan poñendo máis atrancos a Altri"

Como representante dos empresarios de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia, o carballiñés Elier Ojea enxalza as bondades do proxecto que a firma lusa prevé instalar en Palas, que ve como un empuxón para o interior galego
elier3
photo_camera Elier Ojea. ROSA VEIGA (EUROPA PRESS)

Elier Ojea preside a Federación de Empresarios de Aserradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (Fearmaga) desde o ano 2009 e, como coñecedor do sector madeireiro e forestal da comunidade, non dubida cando fala do proxecto que Altri trata de instalar en Palas de Rei. Considera que os plans da pasteira portuguesa para producir fibras téxtiles desde o corazón de Galicia revolucionarían o mapa industrial da comunidade e suporían un importante pulo para o interior.

Que significa para Fearmaga que Altri queira establecer unha das súas plantas en Palas?
Levamos moitos anos no sector sen ter un anuncio da importancia do de Altri, cun investimento que se pode ir aos mil millóns de euros, unha xeración de postos que pode roldar, entre directos e indirectos, os 2.500, que garante un emprego de calidade e que se prevé instalar nunha zona como o interior de Galicia. A súa produción, ademais, vai pechar un ciclo, ao ter os recursos a pé de fábrica. Todo isto vai reverter nun paso importantísimo para Galicia, pero tamén para os propietarios de terreos que poden aportar millóns de eucaliptos, e iso traerá mellores condicións nos prezos para eles. E non é pouco. Calculamos que as familias se levaron o ano pasado máis de 350 millóns de euros pola venda de madeira.

Fearmaga estivo presente en encontros con representantes de Altri. Que lles trasladaron?
Presentáronnos o proxecto hai máis de dous anos e aí xa nos pareceu un anuncio extraordinario porque levabamos máis de 20 anos sen ter noticia dun investimento dese calado en Galicia, cun produto novo que ten tanta demanda no mercado europeo, porque este tipo de fibras van ser o futuro. Esperemos que non lle sigan poñendo atrancos no camiño, porque isto parece máis unha carreira de obstáculos e non se pode estar permanentemente metendo o dedo no ollo, con que se vai contaminar… Aquí ninguén quere contaminar, todo ten que estar acorde á lexislación e hai que valorar o esforzo que se está facendo. Iso si, sen transixir algo que non se axeite á normativa.

Ven perigar o proxecto de Altri por esas trabas das que fala?
A noticia de que o Goberno podía deixar sen conexión á rede eléctrica a planta de Altri é preocupante. Se non teñen a garantía de que van estar dotados de enerxía eléctrica continua, como vai haber garantía de investimento? Galicia non pode perder esta oportunidade.

O certo é que hai xa oposición ao proxecto de Altri, sobre todo desde varios colectivos da zona.
Nunca chove a gusto de todos. Podo entender que haxa colectivos que manifesten unha preocupación, pero tamén hai que entender que se se presenta un proxecto con todos os avais e controis necesarios para a súa instalación, haberá que mirar os pros e os contras. As críticas hai que medilas, aínda que o noso sector está acostumado a recibir críticas parecidas. Pero nós temos a idea de que cada día estamos xerando maior riqueza: o 12% do emprego industrial de Galicia é do sector forestal, cunha facturación de máis de 2.700 millóns de euros, máis de 20.000 empregos directos e indirectos, somos a primeira industria do rural de Galicia, no 89% dos concellos hai asentada algunha empresa vinculada ao forestal… Somos empresas cunha tradición familiar moi grande e hai que pedir que se nos valore adecuadamente.

En xestión forestal temos un camiño moi grande que percorrer, podemos facer moito máis rentable o que xa temos"

Altri implicaría un cambio no modo de traballar dos aserradoiros?
O que faría sería xerar un movemento importantísimo na súa contorna porque non só é a propia planta, senón que van aparecer empresas auxiliares, de servizos…

Como está a saúde do sector da madeira en Galicia a tal punto?
Nestes momentos está nunha fase baixa de consumo, como case todos os sectores, sufrindo as consecuencias de diferentes situacións que hai en Europa. Por exemplo, para nós é fundamental o tema da construción, se iso non se move, a demanda contráese, pero temos a confianza de que neste trimestre se poida recuperar un pouco máis a economía.

Que usos predominan na madeira que saen dos seus aserradoiros?
Para construír en casas, en carpintaría, en moitos ámbitos. Agora hai unha vontade por parte da Xunta de construír con madeira unha boa porcentaxe das vivendas e dos elementos públicos que saca a concurso e esa é unha moi boa vontade.

Aquí tense rexeitado a madeira na construción pola humidade.
Mellorouse moito en canto a resistencia e durabilidade. Houbo un baixón porque os incendios forestais tamén provocaron unha perda moi grande de madeira de calidade en Galicia que non é fácil de recuperar. Había moito castiñeiro e carballo que hai moitos anos se usaba e neste momento hai que tratar de buscar unha silvicultura e unha xestión do monte diferente, cun maior aproveitamento, ademais de acabar co minifundio. Un bosque desordenado como temos aquí, sobre todo no interior, é un problema.

Altri sería un pulo para o eucalipto en detrimento das autóctonas?
Non, máis que para as plantacións de eucalipto suporía un empuxón á mellora da silvicultura que hai. En xestión forestal temos un camiño grande por diante que percorrer. Podemos facer moito máis rendible o que xa temos cunha xestión sostible. O que non podemos facer é ter o monte a monte.

Comentarios