O BNG presenta máis de 700 alegacións ao proxecto de Altri en Palas

Defenden que a implantación da factoría "condicionará de maneira decisiva a política forestal"
Membros do BNG ante o edificio administrativo da Xunta en Lugo, onde presentaron as alegacións. EP
photo_camera Membros do BNG ante o edificio administrativo da Xunta en Lugo, onde presentaron as alegacións. EP

O BNG presentou na Xunta de Galicia as máis de 700 alegacións que se recolleron nos distintos postos informativos instalados na comarca de Lugo pola formación e a organización xuvenil do Bloque, Galiza Nova, xunto coa organización estudantil Erguer. A deputada nacionalista Montserrat Valcárcel, que estivo acompañada polo voceiro do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e cargos orgánicos do Bloque na provincia, asegurou que "o proxecto que Altri pretende executar en Palas de Rei será unha bomba ambiental que perxudicará a toda Galiza, especialmente nunha comarca que destaca polo seu desenvolvemento agrario".

Este mércores remataba o período para alegar ante a Consellería de Industria e, segundo os colectivos que rexeitan a factoría, a cifra podería ser "de récord". Así mesmo, desde a formación consideran que o proxecto "condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega".


Montserrat Valcárcel resaltou así mesmo que "non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía". O BNG considera o proxecto de Altri como "unha industria de enclave", "unha pasteira de grandes dimensións que vai levar a outros países a transformación da materia prima e que pon en perigo importantes sectores produtivos de Galiza", afirmou.

 
As alegacións presentadas reclaman á Xunta a non Autorización Ambiental Integrada, o rexeitamento do Estudo de Impacto Ambiental, a  non declaración de Utilidade Pública e o rexeitamento do proxecto promovido por Altri en Palas de Rei.