As 'Donas' estarían orgullosas

Jesús García reclama para a igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei, un guía oficial
Jesús García, no prebisterio da igrexa de San Salvador de Vilar de Donas. SEBAS SENANDE
photo_camera Jesús García, no prebisterio da igrexa de San Salvador de Vilar de Donas. SEBAS SENANDE

Aínda non son as 11 horas dun martes pola mañá. A igrexa de Vilar de Donas, en Palas de Rei, xa alberga tres parellas de visitantes. Que estexa aberta non é obra da Xunta de Galicia, que hai días suprimiu o servizo de guía, senón polo empeño do seu parroquiano Jesús García, que con 90 anos continúa madrugando para abrir as portas deste templo. "Pero eu non vou vivir moito máis tempo. Quen se vai ocupar deste lugar que xa non é de Palas, nin de Galicia, senón dos cinco continentes?", indica. 

Jesús García afirma que hai días acabou o contrato da persoa que se encargaba de abrir o templo. Patrimonio confirmou esta cuestión, indicando que o convenio que mantén coa Igrexa para abrir distintos templos de Galicia –dotado anualmente con 140.000 euros– só está en vigor nas épocas de maior afluencia, e o outono non está contemplado como unha delas. 

Pero un martes de mañá xa hai varios peregrinos, e a indignación de Jesús García é evidente, aínda que para el sexa como unha misión o feito de pasar os últimos anos da vida entre esas paredes que tamén viron o seu bautismo. Conta que cando naceu, todas as súas tías querían ser madriñas, e por iso o cura, don José, outorgoulle o posto á Virxe María. "Como non vou ter unha relación especial con este lugar!". 

Jesús García madruga cada mañá para abrir o templo, pero ten 90 anos e, di, "algún día" non estará

Escoitándoo falar, parece que nunca saíu del. Sabe de memoria cada trazo. E até parece secretamente unido ao topónimo dun Vilar de Donas que remite ás que nalgún momento foron donas do mosteiro. En cada un deses trazos dos frescos góticos rehabilitados hai case tres anos atopa un motivo para defender ás mulleres. 

O ROSTRO DAS DONAS. "Unha das cousas máis excepcionais desta igrexa é que a Virxe aparece embarazada", comenta, mentres sinala o seu ventre hinchado na Anunciación que coroa o presbiterio. "Como é que poucas veces se representou embarazada? Que falta de consideración!", indica. Como a que obriga á Infanta de Aragón a agochar a cabeza ante o rei Juan II de Castela, que a mira de fronte noutro dos frescos. "Por que a muller ten que baixar a cabeza? Por que sempre foi humillada?", indica. "Porque, no fondo, son máis intelixentes. E, en lugar de volver ao matriarcado... asesínanas. É unha realidade que non se pode tolerar", asegura. 

García non só defende o templo, senón que aproveita cada explicación sobre a súa historia para defender ás mulleres

Así é Juan González. Non cala o que considera xusto, e as súas opinións veñen fundamentadas con datos que, entre os muros de San Salvador de Vilar de Donas, sonan máis fortes. 

El coñece cada palmo da igrexa e parece medila constantemente co súa variña de madeira. "Sabes por que esta repisa está inclinada?", pregunta. "Para que serviría?", engade. "Para ler", comenta, ao tempo que apunta á claraboia que fai que a luz incida nese lugar onde, agora, imaxinamos un monxe sumido nun texto. "Dez, foron dez monxes que erixiron este templo", comenta, pois son dez os corpos que acollen os bancos de pedra a carón do altar. 

"Este lugar merece un guía," insiste. "Xa non é de Palas de Rei, senón de América, Áfria, Asia, Europa e Oceanía", engade. Tamén mereceu quen o defendese, e iso si que o atopou. As Donas estarían orgullosas. 

Comentarios