Dona Margarita di adeus á leira do centro de Galicia

A dona do quilómetro cero do país fixo unha festa coa familia para despedir ese lugar no que a Deputación impulsará un parque
Margarita Mariño Varela, no centro, acompañada da súa familia. EP
photo_camera Margarita Mariño Varela, no centro, acompañada da súa familia. EP

O centro xeográfico de Galicia foi no seu día un toxal que pertencía á Casa de Carneiro de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla. Era a casa da bisaboa de Margarita Mariño Varela, coñecida no municipio como Dona Margarita, por ser mestra de moitos veciños durante 37 anos e que a fin de semana pasada organizou unha festa de despedida deste lugar, que vendeu á Deputación de Lugo para o proxecto provincial de facer dela un lugar de interese xeográfico e paisaxístico para o país. "E para coidala ben", indicou, quen quere que a paisaxe galega sexa coidada, como fixo a súa familia ao longo de xeracións.

Durante moitos anos, os toxos desta céntrica leira destinábanse a estrume, pero a nai de Margarita, Otilia Varela, quixo que nela medrasen carballos. A súa filla honrou este desexo e, co seu home, Antonio Díaz, coidou destes carballos que hoxe conforman un bosque autóctono "deses que dan pulo á Ulloa, aínda que, por desgraza, moitos se adiquen a acabar con eles", di.

Dona Margarita soubo hai varias semanas que era dona da finca situada no centro de Galicia, despois de que o Instituto Geográfico Nacional confirmase esa localización a petición do Instituto de Estudos Ulloáns, a quen está "moi agradecida".

Unha vez ubicado este punto, a Deputación, por iniciativa especial de Pilar García Porto, púxose en contacto con ela, interesada na finca e co proxecto de facer deste lugar un parque de referencia para Galicia e para os visitantes, e xa que a súa paisaxe está vencellada co imaxinario terrirorial galego, cun bosque autóctono.

Ademais, segundo indicou Dona Margarita, esa terra estivo coidada, ata onde a súa memoria coñece, sempre por mulleres, "as miñas antecesoras", indica. Para despedirse dela, fixo unha comida con toda a familia, onde volveu repasar toda a historia dun lugar que xa non só é o centro da súa vida.

Comentarios