Doces "humildes" para "xutar enerxía" en Melide

O xornalista Manuel Pampín enxalzou as orixes dos melindres e os ricos e lembrou de onde veñen os amendoados, todos eles petiscos que endozaron a súa infancia en Melide e que o domingo se esgotaron nos catro postos de obradores
Posto de melindres. SILVIA IGLESIA
photo_camera Posto de melindres. SILVIA IGLESIA

Manuel Pampín non entende a súa infancia sen larpeiradas, entendendo por larpeiradas, cando de Melide se fala, os melindres, os ricos e os amendoados. Deles e das súas orixes falou o domingo durante o pregón da XXXI Festa do Melindre e da Repostería Tradicional ante unha atestada Praza do Convento, que minutos antes viviu o recoñecemento aos sete Embaixadores de 2023 -Anxo Castro, Casa Juanito, Casa Mejuto, Casa Santos, a adega Ribeirao, Patricia López e Andrés Torreiro-.

Pampín lembrou que os amendoados proveñen das receitas dos monxes que habitaban os mosteiros, mais os melindres e os ricos teñen a súa razón de ser "nas casas, onde non se podía tirar nada". Por iso, dixo, "quero gabar a súa orixe humilde e proletaria".

                      Á esquerda, Pampín visita un posto acompañado polo alcalde, e amigo seu, José Manuel Pérez. Á dereita, un dos postos e foto de familia dos embaixadores deste ano.

O xornalista non só exaltou os tres protagonistas da festa, senón que tamén recoñeceu a quen os elabora e tivo unha mensaxe para os peregrinos: "Machado dixo aquilo de "caminante no hay camino, se hace camino al andar", pero esqueceuse de engadir que os melindres, amendoados e ricos dan un xute inmenso de enerxía para chegar a Compostela".

O melidao, orgulloso de selo "desde hai 64 anos", tirou tamén de anécdotas e foi un veciño máis da man dalgúns dos seus mellores amigos, como é o alcalde, José Manuel Pérez, con quen visitou os catro obradores presentes na feira, cuxas existencias voaron.

Dicían desde a panadería de Toques que o sábado foi mellor ca outros anos, detrás dun mostrador no que xa non quedaba nada e mentres no obrador se afanaban en sacar produto para os centos de presentes que ansiaban doces.

Seguían elaborando tamén en Trisquel, onde María Saniyo, Sara Sánchez e Anxo Varela confirmaban o bo volume de ventas, e facíano perante Maruja da Tahona, melindreira que comezou a facelos hai 31 anos, aprendendo "do meu marido, que tiña moita idea". Ela é fiel testemuña do evolucionar da feira desde o primeiro ano, no que, "ao non saber, fixemos o que nos pareceu e cando chegou a xente de fóra xa non quedaba nada" e é fiel á receita, porque "se lla cambias, cambia todo".

                      Á esquerda, Pampín visita un posto acompañado polo alcalde, e amigo seu, José Manuel Pérez. Á dereita, un dos postos e foto de familia dos embaixadores deste ano.

Maruja non desvela o segredo, como tampouco o fai Nahikari Cordido, quen aprendeu a elaboralos hai só un ano e, pese a recoñecer que non son fáciles ningún dos tres, non hai nada que non consiga "el tiempo y buena mano".

No posto no que atendía Nahikari, o da Tahona, non había tempo nin a colocar as existencias, como pasaba no posto de Estilo, onde calculaban que só na mañá de o domingo despacharon unhas 400 bolsas de melindre.

Os que non conseguiron facerse coa proba, polo menos desfrutaron dunha animada xornada con postos de artesanía e gastronomía e a música do grupo de bombos de Santo André, de Froito Novo e, como colofón, da cantautora Sés.

Comentarios