A Deputación de Lugo proxecta facer o parque central de Galicia en Antas de Ulla

Ubicarase no centro xeográfico de Galicia, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, segundo determinou o Instituto Xeográfico Nacional, converténdose no espazo de lecer máis céntrico da comunidade autónoma

Parque Central de Antas de Ulla.EP
photo_camera Parque Central de Antas de Ulla.EP

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que a institución proxecta crear o parque central de Galicia en Antas de Ulla. Un espazo de lecer público que estará ubicado no centro xeográfico de Galicia, localizado no lugar de Nugallás, na parroquia ulloá de San Fiz de Amarante, segundo determinou nun informe o Instituto Xeográfico Nacional, converténdose deste xeito no parque máis céntrico da comunidade autónoma.

O proxecto obedece a unha aposta da Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que conta co total apoio do Presidente, segundo subliñou o propio José Tomé.

Hai varios meses o Presidente da Deputación encargou a un xestor inmobiliario que realizara as xestións necesarias cos propietarios para comprar os terreos onde se ubica o punto central de Galicia.

Neses terreos levantarase un monolito que faga referencia ó centro xeográfico de Galicia, e estará rodeado dun parque público para disfrute dos veciños e veciñas de Antas, e de todos os visitantes.

"O proxecto poñerá en valor a riqueza natural, a flora e as árbores do lugar, integrado na paisaxe  actual, e, ao mesmo tempo, promocionará a zona, converténdoa nun lugar de atracción turística o que, sen dúbida, será positivo para a economía de Antas de Ulla", explicou José Tomé.

Reunión cos propietarios das fincas

Co obxectivo de compartir esta iniciativa e de facer partícipes aos propietarios dos terreos, o próximo martes, o Presidente da Deputación e a Deputada de Turismo manterán unha reunión cos donos das fincas que quere mercar a institución provincial.

Unha vez que sexan informados en primeiro lugar os afectados directos das fincas, a Deputación dará conta tamén dos detalles do proxecto ao Alcalde do municipio.

Posteriormente, afirmou José Tomé, a Deputación informará por escrito a todos os veciños e veciñas de Antas de Ulla, "trasladándolles os detalles deste proxecto singular no centro de Galicia e que vai ser importante para a economía do concello de Antas de Ulla, o que supón unha clara aposta da Deputación Provincial de Lugo polo reequilibrio territorial e para fixar poboación na zona rural, creando actividade económica e postos de traballo". 
 

Comentarios