Denuncian a "indecente" restauración da Pontede Furelos en Melide

Unha asociación sinala que non se está a respectar as singularidades orixinais da ponte
A ponte, co pavimento que se pretende colocar. EP
photo_camera A ponte, co pavimento que se pretende colocar. EP

A Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego denunciou o que considera a "indecente restauración" da Ponte de Furelos no municipio de Melide, un monumento medieval. A entidade lamenta que as obras que se están a realizar, e que en principio tiñan por obxectivo solucionar os problemas estruturais que presentaba a ponte, non o están cumplindo.

"Estase a simular o remate dos peitorís empregando laxes de esquisto colocadas de canto, cando orixinalmente a ponte contaba con remates de grandes chantos ou lousas de feitura irregular e asentadas de plano", indican no comunicado, no que tamén indican que o esquisto é unha pedra alóctona na zona.

A asociación tamén lamenta que se estea proxectando unha calzada con granito serrado. Resaltan que a ponte conserva lousas da calzada antiga procedentes do río e moi rodadas nos cantos. "Somos sabedores de que non se conserva o pavimento completo, pero si zonas bastante amplas, polo que se deberían integrar no acabado final", comentan.

Dende o Museo da Terra de Melide destacan que a actuación non está contando coa aceptación social que debera ter. "A xente está preocupada e o Museo tamén, por considerar que hai que investir os cartos en cuestións de reparación das patoloxías estruturais, moi evidentes por certo, e non en ornamentar a Ponte con materiais lleos a esta zona", comentan.