Con só 24 anos, o melidao Dani Polo pode presumir de ser un dos grandes nomes da maxia en Galicia. Hipnose, levitación, cartas e mentalismo son só algúns dos espectáculos cos que este rapaz, pupilo do Mago Rafa e participante en Pura magia de TVE, logra encandilar ao seu público. Faino desde que con seis ou sete anos probou o Maxia Borrás.
Recibiu o xogo polo Nadal, pero á súa familia non lle gustaba a maxia.
Para nada. Recordo que de pequeno vin un mago na televisión que me deixou impactado polo número que estaba facendo nun deses programas que botaban e que meus pais quitaban sempre. Era Jason Byrne, que actúa nas Vegas. Iso, e que enredaba tódolos días co Maxia Borrás, fixo que miña nai comezase a investigar un pouco e descubrise que o Mago Rafa ía abrir unha escola en Lugo.
Foi un afortunado. Non tódolos pais farían iso.
Totalmente. Eu vivo en Melide e isto da maxia é algo moi específico. Se non fora polo apoio dos meus pais, que viaxaron comigo por todo o país, non o tería conseguido. Eles viron que esta era a miña paixón, aínda que me insistiron en que estudara. De feito, fixen Comunicación Audiovisual e un máster de Xornalismo.
"De pequeno vin un mago na tele que me deixou impactado, nun deses programas que meus pais quitaban sempre"
Recorda o seu primeiro número?
O primeiro non, pero si que recordo empezar coa baralla, cos materiais do Maxia Borrás... Logo empecei a actuar en comidas familiares, entre amigos, en comuñóns e foi en 2010 cando subín por vez primeira a un escenario. Foi no Compostela Máxica, onde tamén actuaba Juan Tamariz.
Ademais da influencia da súa familia, tamén foi importante a de nomes importantes do ilusionismo como o Mago Rafa.
Na súa escola estiven tres anos, desde os nove ata que pechou. Alí aprendín cousas que van máis alá dos números: a psicoloxía, a posta en escena, como relacionarte co público... Logo fun a moitas charlas e conferencias. Agora creo que o erro máis fácil de cometer é que che guste a maxia e unicamente accedas a Youtube. Aí podes aprender un truco, pero rodearte de magos con anos de experiencia é a clave. Eles ensínanche como funciona de verdade a profesión.
E como ve a saúde da profesión?
Hai rapaces, e cada vez máis rapazas, interesados. Está pegando moi forte e nas grandes cidades hai unha amplísima oferta.
Tamén nos concellos pequenos?
Cada vez hai máis espectáculos. Fixemos o Galicia Ilusiona por primeira vez e con el achegamos a maxia a moitas vilas pequenas. A resposta foi moi boa.
Cambia moito pasar dun público a outro?
Non moito. Cada espectáculo é un mundo, non é o mesmo estar nun gran teatro que nun centro cultural. Aínda así, o importante é ter un estilo propio e manter a identidade sen deixar de innovar.
"Hai rapaces e cada vez máis rapazas que se interesan na maxia. Está pegando forte e nas cidades hai unha amplísima oferta"
Vostede tamén trata de achegar a maxia aos máis novos.
Si, teño a sorte de participar na organización dun festival en Ames no que incorporamos a sección de novos talentos, para mozos de oito a 20 anos. Para moitos é a primeira vez que soben a un escenario.
É fácil comezar nisto xa de maior?
Si, hai algún caso de comezo tardío, que se afeccionou despois de ver algún espectáculo. Pero é certo que se comezas novo tes máis tempo para explotar esta faceta.
Que proxectos hai sobre a mesa?
Este mes estou creando novos números e logo empezarei unha xira de 22 actuacións por Castela e León, Asturias e País Vasco.