Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Curuxás, vida antifranquista

Carlos Parrado, fronte á casa on de Curuxás asasinou ao cabo Dacal. J.VÁZQUEZ
Carlos Parrado, fronte á casa on de Curuxás asasinou ao cabo Dacal. J.VÁZQUEZ

Coa morte no 1967 de Ramón Rodríguez Varela, coñecido na comarca da Ulloa e de Melide como Curuxás, naeu o mito do único guerrilleiro que escapou ás armas de Franco se exiliarse fóra do país. Só unha afección respiratoria logrou acabar coa vida de Varela

NON SE SABE se Curuxás foi máis mito ca home. Ramón Rodríguez Varela, o nome completo denantes da lenda, naceu e morreu en Galicia. "Curuxás foi, que eu saiba, o único fuxido na época de Franco -despois guerrilleiro e logo de novo fuxido- que non se exiliou, nin se entregou, nin o prenderon, nin o mataron-, relata Carlos Parrado Garea, autor da biografía de Curuxás, O guerrilleiro que non cazou Franco.

Curuxás é recordado na comarca da Ulloa e de Melide coma un símbolo. Parrado decidiu comezar a escribir a vida do famoso guerrilleiro a finais dos anos 70. "Curuxás morrera no 67, pero aínda unha década despois se seguía falando del nas tabernas", afirma o autor, quen xunto a José Luis Vázquez Raído empezou a moverse entre os veciños e coñecidos da contorna para reunir información.

Casou con Marcelina Costa e tivo seis fillos. A familia de Curuxás tivo unha importancia maiúscula na súa vida

O cadáver de Curuxás. EPAsí, froito dun traballo de case 30 anos -cómpre dicir que Parrado foi o encargado de recompilar a maioría da historia, porque Raído marchou para Bilbao ao pouco das primeiras pescudas-, a obra biográfica viu a luz no 2009. As principais fontes que manexou Carlos Parrado para reconstruír a historia de Curuxás foron os relatos orais. "Ao principio todo o que nos contaban era o mito. Costou superar esa barreira para poder coñecer o verdadeiro relato do home, que tampouco deixaba de ser sensacional", explica.

FUXIDO E LOITADOR. Curuxás naceu en Vilouriz, parroquia de Toques, aló polo 1905. Ao pouco de cumprir os dez anos, Ramón Rodríguez Varela marchou con seus pais a Palas de Rei a traballar no agro como caseiros. "É en Curuxás -un lugar ao carón de Palas- onde Ramón pasa a súa xuventude e se fai adulto", narra Parrado. Dese emprazamento adquiriría tamén o alcume co que se faría coñecido na contorna e alén.

A pesar de todas as complicacións, Curuxás nunca abandonou a súa terra

Casou con Marcelina Costa e tivo seis fillos. A familia de Curuxás tivo unha importancia maiúscula na súa vida. A súa descendencia non tivo máis remedio ca exiliarse fóra de Galicia -os catro fillos máis vellos cruzaron o Atlántico e desembarcaron na Arxentina, mentres que os dous máis novos, Manolo e Celsa, instaláronse en Cataluña e o País Vasco-. Marcelina axudoulle ao seu marido a anticiparse ás partidas das forzas da orde que saían na súa busca. A muller de Ramón, malia estar libre de calquera delito, era constantemente acosada pola Garda Civil.

SEMPRE EN GALICIA. A pesar de todas as complicacións, Curuxás nunca abandonou a súa terra. "Ai, se puidera coller o barco en Palas... Pero mandábano ir a Vigo para embarcar e el non quería arriscarse a emprender a viaxe", di Carlos Parrado, que tivo a oportunidade de falar cun dos fillos do guerrilleiro, Francisco.

Era desconfiado, "pero non por malicia", algo que aclara o autor. Curuxás tivo que fuxir logo da sublevación militar do 36, á cal tentou opoñer resistencia. Botouse ao monte e máis tarde uniuse á causa guerrilleira. Preto da década dos 50, e co movemento antifranquista diluído, Curuxás quedou illado.

Coa axuda de veciños e coñecidos, Varela sobreviviu 30 anos na ditadura de Franco

Coa axuda de veciños e coñecidos, Varela sobreviviu 30 anos na ditadura de Franco. O seu final nada tivo que ver co esperado para un disidente do réxime. "Curuxás era un home enorme, coa forza dun cabalo", recorda Parrado, que se enterou da morte do guerrilleiro cando tiña 19 anos. "Pasaba dos 120 kilos cando finou por unha afección respiratoria derivada de traballos na mina", conta o investigador.

Foron os propios veciños de Vilamor -parroquia de Toques onde pasou os derradeiros anos da súa vida- quen lle deron sepultura a Ramón Rodríguez, escapado de Franco, no 1967. Curuxás foi temido por algúns e respectado por todos.

Curuxás, vida antifranquista
Comentarios