O Concello de Monterroso bonifica o asentamento de empresas e conxela taxas

O goberno local tamén contempla bonificacións específicas para o sector agrogandeiro que se aplicarán no caso de novas incorporacións ou na creación de empresas
Rocío Seijas. EP
photo_camera Rocío Seijas. EP

O Concello de Monterroso inicia o ano cun plan para combater a inflación e, ao mesmo tempo, axudar ao tecido produtivo e facilitar o asentamento de novas empresas no municipio. O goberno local, que preside a independente Rocío Seijas, acaba de poñer en marcha unha serie de bonificacións fiscais para empresas e anuncia a conxelación de taxas e impostos municipais.

Estas bonificacións para empresas serán de ata o 95% nos impostos de bens inmobles, actividades económicas e no de construcións, instalacións e obras, así como na taxa para a apertura de novas actividades económicas.

Ademais, co fin de axudar a autónomos e pequenas empresas de hostalería e comercio a facer melloras nos seus negocios, o Concello ofrece bonificacións de ata o 50%. Unha porcentaxe que pode chegar ata o 75% en caso de establecementos de nova apertura.

O goberno local tamén contempla bonificacións específicas para o sector agrogandeiro que se aplicarán no caso de novas incorporacións ou na creación de empresas por parte de novos agricultores. Ao mesmo tempo, o plan económico do Concello tamén contempla unha conxelación de impostos e taxas, así como a exoneración da taxa de atención educativa na escola infantil.

O goberno de Rocío Seijas tamén ten previsto sacar un calendario fiscal de impostos para que todos os fogares e negocios poidan planificar o pago dos mesmos. Outra das medidas contempla a posibilidade de fraccionar os pagos en dúas veces.

"O que pretendemos con todas estas medidas é buscar tanto o asentamento de novas empresas como contribuír a que os veciños poidan sortear os efectos da crise, reactivar a actividade económica no municipio e favorecer a creación de emprego", explica a rexedora monterrosina.

Rocío Seijas destaca, por outro lado, que en 2023 se manterán conxeladas todas as taxas referentes aos distintos servizos que presta o Concello, polo que serán as arcas municipais "as que asumirán os custos engadidos que, nalgúns casos, superan o 10%".

Comentarios