sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Comezan as obras do estacionamento e a mellora viaria do Parque Central de Galicia

O presidente da Deputación, José Tomé, supervisa as obras do Parque de Galicia
O presidente da Deputación, José Tomé, supervisa as obras do Parque de Galicia
O proxecto consiste no acondicionamento dunha zona de aparcadoiro e na adecuación do acceso e do entorno do emprazamento 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron este xoves o inicio das obras para a creación dunha zona de estacionamento e a mellora viaria do Parque Central de Galicia, o proxecto da institución provincial para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante de Antas de Ulla.

O proxecto conta cun orzamento de 250.000€ e ten un prazo de execución de 6 meses. Consta de dúas actuacións. Por unha banda, acondicionarase unha zona de estacionamento, que contará con 21 prazas para coches, dúas para autobuses, ademais de prazas para motos e bicicletas, incluíndo espazos reservados para persoas con mobilidade reducida. A área terá viais, amplos espazos para poder xirar, sobre todo os buses, e nela integraranse os carballos americanos que hai polo borde da finca que linda coa estrada, o que fará sombra para resgardar os vehículos nos meses de calor.

Por outra banda, o proxecto inclúe a mellora da seguridade viaria coa adecuación do acceso e do entorno do Parque, na LU-P-0301, de Antas a Rodeiro, no tramo que vai do punto quilométrico 3,490 a 3,700. As obras consisten no ensanche da estrada ata os 6 metros co fin de dotala de dous carrís de circulación diferenciados e facilitar o acceso das persoas que usan esta estrada. Ademais de botar aglomerado neste treito, acondicionaranse itinerarios independentes do tráfico rodado cunha barreira de separación de árbores creando arcéns, e instalarase sinalización horizontal e vertical, e a correspondente iluminación.

Estanse a acometer os labores de acondicionamento do arboredo e zonas verdes do recinto

ARBOREDO DO PARQUE. O mandatario provincial tamén comprobou o desenvolvemento dos traballos de destoconado das árbores do espazo do Parque Central de Galicia, un proceso que consiste en sacar do terreo os restos de troncos que permanecen no chan unha vez realizada unha tala.

Estes labores realízanse unha vez finalizou a corta de eucaliptos onde se ubicará o futuro parque infantil, onde se plantaron especies autóctonas, como carballos e castaños. Á súa vez, tamén se fixeron as tarefas de silvicultura, que consisten na entresaca de árbores débiles e da poda das árbores que van permanecer, co obxectivo de que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies.

Nas vindeiras semanas, segundo anunciou o Presidente, faranse as actuacións de laboreo, que consisten na preparación da terra. É preciso regularizar e alisar a superficie do terreo para poder explanar os lugares nos que se levantará o edificio multiusos, se construirá a praza e se farán os viais de acceso e secundarios para desprazarse ao longo do Parque.

Seguidamente, acometeranse os labores de fresado para triturar e mesturar en profundidade os restos de maleza, raíces que afloren do arranque de cotóns, restos de poda e, sobre todo, da grosa capa de folla acumulada para poder sementar o céspede. Relevante tamén é o proceso de fertilización para lograr uns niveis óptimos de PH que posibiliten a implantación do novo céspede.

Co Parque Central de Galicia, a institución provincial quere poñer en valor o centro xeográfico galego,

UN PROXECTO DE PROVINCIA. O Presidente salienta que este “é un proxecto de provincia no que se vai poñer en valor un recurso natural moi importante coma este, que vai ser un revulsivo para economía de Antas e de toda a comarca da Ulloa pola súa capacidade de atracción turística, o que supón tamén unha aposta clara polo reequilibrio territorial, que vai ser útil para fixar poboación no rural, creando actividade económica e emprego”.

O Parque Central de Galicia contará cunha extensión de máis de 45.000 m2. A zona de acceso ao Parque Central contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-P-0301, en Nugallás.

No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na se levantará un monólito colocado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ao seu lado dereito construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monólito, está prevista a construción dun edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais, e reunións, entre outras.

O Parque Central de Galicia incluirá numerosos sendeiros para goce dos visitantes e persoas que se acheguen ata alí. Paseos por unha carballeira que Tomé Roca cualificou como “espectacular”, e que se atopa na superficie adquirida pola institución provincial. Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades.

Comezan as obras do estacionamento e a mellora viaria do Parque...
Comentarios