jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

Coa mente na Antártida

Javier Mosteiro, durante a súa etapa na expedición antártica. J.M.
Javier Mosteiro, durante a súa etapa na expedición antártica. J.M.
O sarxento melidao Javier Mosteiro, da parroquia de Folladela, visitou ao longo da súa carreira militar lugares en cinco dos seis grandes continentes, mais hai un en concreto que marcou o seu pasado e quizais forme parte do seu futuro, a Antártida

JAVIER MOSTEIRO pode presumir de ser un dos melidaos máis internacionais. Desde que con apenas 16 anos deixou a súa casa para emprender a súa carreira militar, visitou practicamente todos os continentes —Oceanía é o seu destino pendente—, e a pesar da variedade de lugares nos que estivo ao longo destes últimos anos, hai un que o marcou especialmente, a Antártida.

Mosteiro, que actualmente é Sarxento Primeiro da Lexión en Melilla, formou parte da expedición do Exército de Terra que, nas campañas de 2016-2017 e 2017-2018, viaxou á base española Gabriel de Castilla, situada na illa Decepción, en plena Antártida. Esta é a misión máis antiga do Exército de Terra, e o equipo que a integra adoita pasar no continente antártico entre tres e catro meses, de decembro a marzo, durante o verán austral. "Ata alí desprázanse 13 militares de diferentes especialidades, e eu, ao pertencer á área de motores, tiven a sorte de poder repetir a experiencia dous anos seguidos", confesa.

Para chegar ao continente antártico os militares interesados deben pasar por unha serie de fases. "Cada un presenta a comisión de servizo dentro da súa especialidade", explica Javier, que tamén indica que hai unha primeira fase de selección "na que se escollen entre dez e quince persoas en base ao seu currículo ou solicitude", e unha segunda, na que os seleccionados "son entrevistados polo xefe de expedición, que é quen designa quen vai". Os seleccionados deben realizar unha serie de fases de preparación individuais e comúns segundo a súa área de traballo, que se reparten ao longo de toda España. Por exemplo, "a fase de auga lévase a cabo no Grove", detalla Javier.

Ao formar parte da área de motor, o labor de Javier na Antártida consistía en facerse cargo de todos os motores que había, tanto de vehículos como de bombas ou embarcacións. Con todo, Mosteiro explica que "alí temos que ser polivalentes, non podes dicir: 'non, eu só fago o meu'". Así, moitas veces, ademais das tarefas que tiñan asignadas tamén debían acompañar aos científicos que ocupan a base nas súas misións. E aínda que foi moi preparado, "a responsabilidade sempre a tes aí, e tamén esa preocupación por se non eres quen de facer o que che piden", afirma.

A viaxe ata a illa Decepción adoita levar máis dunha semana. De feito, só o traxecto en barco desde a Patagonia ata a Antártida leva entre catro e cinco días, e iso que ambos puntos están separados por apenas 1.000 quilómetros. Por iso "o máis complicado de estar alí é saber que se pasa algo na casa non che vai dar tempo a chegar", asegura Javier. Ademais, isto provoca que teñan que traballar con extremadas precaucións, pois "de producirse calquera accidente, estariamos practicamente illados", detalla.

A única compañía que teñen na illa, ademais da fauna autóctona, son os científicos internacionais, que non adoitan pasar moito tempo no centro e van rotando, e os integrantes doutra base científica, neste caso arxentina, que está a 800 metros da Gabriel de Castilla. Con estes últimos relacionábanse frecuentemente "cando nos facía falta algo, ou simplemente cando queriamos facer a cousa máis amena, pero era a única comunicación que tiñamos ao redor" afirma Mosteiro. A pesar disto nunca chegou a sentirse completamente illado, pois as comunicacións con España, dentro do que cabe, sempre estiveron activas, "polo menos a través da vía telefónica".

Se ben foi cunha idea preconcibida en base ás anécdotas e historias que lle contaron os seus compañeiros, "ata que chegas alí e ves a realidade non te sorprendes", indica Mosteiro. A lembranza máis bonita que se leva da expedición foi o contacto constante cos animais da zona —que van desde pingüíns ata focas, lobos ou leóns mariños—, cos científicos e cos compañeiros da base, pero foi a experiencia en si o que máis o marcou. "Podería ensinar fotos, vídeos... pero non sería o mesmo", explica.

Na actualidade, e desde hai oito anos, Javier está destinado en Melilla, no Tercio Gran Capitán 1º da Lexión. De todos os lugares que visitou grazas á súa profesión, destaca que Afganistán e Iraq foron dous dos que máis lle sorprenderon porque "aprendes a valorar o que temos aquí". Ademais de todos os países exóticos que percorreu, tamén visitou gran parte de España, residindo en cidades como Calatayud, Salamanca, A Coruña ou Lleida.

No relativo ao seu futuro, o melidao afirma que, a non ser que, por exemplo, "salga unha campaña no Ártico", seguirá coa lexión en Melilla. Con todo, se se dá a oportunidade de repetir na expedición antártica, faríao sen pensalo dúas veces. De feito, desde que en marzo de 2018 regresou a España, "botei a solicitude todos os anos, e vouno seguir facendo", asegura Javier, que espera poder volver repetir a experiencia que cambiou a súa vida.

Coa mente na Antártida
Comentarios