Elevan a catro anos a pena a un acusado de reter e ameazar a súa exparella en Melide

O TSXG súmalle outros dous anos á condena inicial ao considerar que é culpable do delito de detención ilegal
Sede del TSXG. AG
photo_camera A sede do TSXG. AG

A Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu o recurso de apelación interposto por unha veciña de Melide á quen a súa exparella ameazou cun coitelo e lle roubou o coche. A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou o sospeitoso a dous anos de cárcere e a corenta días de traballos en beneficio da comunidade por eses feitos, pero absolveuno do delito de detención ilegal do que foi acusado. O Superior, con todo, considera que o investigado si cometeu un delito de detención ilegal, polo que á condena imposta en primeira instancia súmalle outros dous anos de cárcere.

A Sala do Civil e do Penal entende que a retención da vítima durante o tempo necesario para trasladar o seu automóbil ata onde se atopaba o do condenado é "absolutamente innecesaria". Ademais, salienta que "realmente a privación de liberdade é previa ao apoderamento do vehículo, por canto este se produce no momento en que o acusado se apodera das chaves". Por iso, o TSXG indica que son "perfectamente separables as dúas condutas, a de privación de liberdade e a posterior a esta, consistente na subtracción das chaves aproveitando o ambiente intimidatorio creado coa privación de liberdade".
 

Comentarios