martes. 03.08.2021 |
El tiempo
martes. 03.08.2021
El tiempo

O campo de voluntariado de Palas acondicionará tramos do Camiño

undefined
Fabiola García na súa visita a Os Chacotes. VICTORIA RODRÍGUEZ
Os participantes tamén colaboran cos peregrinos que percorren a etapa dende Portomarín

Unha ducia de mozos de entre 18 e 30 anos participan como voluntarios no campo de verán organizado en Palas de Rei. Os voluntarios van levar a cabo labores de acondicionamento nos sendeiros da contorna do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, para preservar a súa riqueza e beleza natural. Tamén colaboran dinamizando a experiencia dos peregrinos que chegan a Palas dende Portomarín prestándolles axuda e dándolles indicacións, ánimos e conversa.

Ademais do campo de voluntariado estase desenvolvendo no mesmo concello o campamento xuvenil Os Chacotes, no que participan 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 14 anos. O campamento vai pola segunda quenda deste verán. Os asistentes realizan actividades ao aire libre como kaiak, tiro con arco, escalada en rocódromos ou paintball.

As dúas inicitavas están organizadas pola Dirección xeral de xuventude e voluntariado da Xunta de Galicia, que reforzou a seguridade sanitaria para os programas deste verán. Os participantes e os monitores deben presentar unha proba de antíxenos con resultado negativo, que poden realizar de xeito gratuíto.

Ao mesmo tempo estase desenvolvendo un campamento xuvenil de verán con 40 asistentes

Estas iniciativas realízanse no marco da campaña O verán que mereces, que este ano ofertou máis de 7.800 prazas entre campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado en diferentes municipios de Galicia. Con respecto ao ano pasado, supón un aumento de 1.000 prazas. Segundo a institución o nome da campaña resume o seu propósito de servir de compensación á mocidade galega por estes últimos meses da pandemia.

Ademais dos de Palas de Rei, a provincia de Lugo acolle as mesmas actividade noutros cinco concellos - Viveiro, Portomarín, Ribadeo, Carballedo e Quiroga - e outro na capital lucense. A conselleira de Política social, Fabiola García, visitou Os Chacotes acompañada por Javier Arias, o delegado territorial de Lugo, para coñecer aos participantes do campo de voluntariado e do campamento de verán e as actividades que se levan a cabo nas súas instalacións. Fabiola García puxo en valor a singularidade dos campamentos realizados en Palas de Rei, pola a súa proximidade e vincualción co Camiño Francés.

O campo de voluntariado de Palas acondicionará tramos do Camiño
Comentarios