sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Cairón, o foro da cultura ulloá

Presentación da revista Carión, no centro sociocultural de Monterroso. CARBALLEIRA
Presentación da revista Carión, no centro sociocultural de Monterroso. CARBALLEIRA
A revista, a primeira con vocación comarcal, afonda na pescuda histórica e na vida cultural

Cairón, a revista do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), cumpriu coa súa cita anual. O seu quinto número foi presentado no centro sociocultural de Monterroso como prólogo á Feira de Santos. Esta publicación naceu "coa vocación de facer comarca, como un foro escrito para os tres concellos ulloás", segundo explica o seu coordinador, o poeta e xornalista Daniel Salgado. É a primeiro proxecto das súas características que ten como referente o conxunto da Ulloa.

Creado ao mesmo tempo que o IEU, o nome deste boletín ten connotacións poéticas. Responde a un topónimo usado polo vate monterrosino Lorenzo Varela, que ninguén consigue ubicar e que posiblemente aluda á Serra do Careón, que vía desde a súa casa na infancia.

"Cairón é o termo que usa nun poema titulado Ofrenda aos franceses, que escribiu en homenaxe aos combatentes que liberaron de París dos nazis", explica Salgado. Varela di nos seus versos que vive exiliado, lonxe do seu país e da súa aldea, "e non ten nada que regalar, salvo ese sonoro topónimo imaxinario, tan suxerente e emblemático", comenta o coordinador de Cairón.

A revista afonda na pescuda histórica, "un campo que estaba baleiro na nosa comarca e no que, en sucesivos números, entralazamos unha serie de traballos desde a Idade Media ata a actualidade", e na reivindicación da actividade cultural. "Non só queremos investigar o pasado, senón reinvindicar o presente", sinala Salgado.

No eido histórico, Xulio Cuba relata un episodio agrarista en Antas de Ulla, "cun párroco como principal axitador na loita contra os foros"

A situación do sector agrario, de gran peso específico na bisbarra, é un dos temas centrais deste quinto número. O palense Rubén Lois, catedrático de Xeografía da USC, publica unha análise sobre a evolución da agricultura, desde o cultivo de subsistencia ao intensivo e o novo xiro que se está a dar hacia un tipo de produción máis sustentable e ecolóxica. Adrián Gallero repasa o cooperativismo na zona, enfocado principalmente ao sector lácteo, e onde teñen cabida proxectos innovadores como Milhulloa, pioneira na conservación do grelo deshidratado.

No eido histórico, Xulio Cuba relata un episodio agrarista en Antas de Ulla, "cun párroco como principal axitador na loita contra os foros. É un incidente xa referido por outros historiadores galegos, pero nunca narrado con tanto detalle", precisa Daniel Salgado.

O xornalista Fernando Salgado recolle noutro traballo o papel dos primeiros mestres e escolas da Ulloa, desde as primeiras campañas de alfabetización impulsadas nos séculos XVIII e XIX. Tamén ve a luz o terceiro artigo da serie sobre arte románica na zona, obra do chantadés Xosé Lois Garcia, que está dedicado ás igrexas do concello de Palas, entre as que sobresae a monumental Vilar de Donas.

O 125 aniversario da banda de música de Antas, que como Cairón ten un marcado carácter comarcal, é outro dos estudos que acadan especial relevancia neste número da publicación.

Cairón, o foro da cultura ulloá
Comentarios