lunes. 03.08.2020 |
El tiempo
lunes. 03.08.2020
El tiempo

ANTONIO GATO SOENGAS

"Cacharro zoscábame, e eu a el, pero cun respecto que agora xa non se ve"

Antonio Gato Soengas, durante a entrevista. VICTORIA RODRÍGUEZ
Antonio Gato Soengas, durante a entrevista. VICTORIA RODRÍGUEZ

O pasado 8 de xullo dimitiu como alcal de Monterroso Antonio Gato Soengas, un dos políticos máis versátiles de Galicia

Pode soar manido dicir que Antonio Gato Soengas ten sete vidas, pero non deixa de ser certo. Militante na clandestinade nos últimos anos do franquismo, deputado no Parlamento de Galicia, deputado provincial e rexedor de Monterroso durante case dúas décadas, a súa renuncia á alcaldía o pasado 8 de xullo deixa unha estela de medio século entregado á actividade política.

Tiña 28 anos cando comezou a militar no Partido Socialista Popular. Como era o Antonio Gato daquel momento?

Unha persoa normal, pero con moitas inquedanzas para a comunidade. Unha militancia nun partido, aínda que fose na clandestinidade, supoñía reunirse con persoas preocupadas. Había un obxectivo primeiro, que era o de pelexar pola democracia. Despois, o de estabilizar aquela democracia. Cando xa se progresou neses dous, veu o de intentar mellorar as condicións de vida dos cidadáns.

Como viviu aqueles últimos anos do franquismo?

Na última fase parecía que se percibía unha tolerancia, que non era real. As reunións da executiva do sindicato de mestres facíamolas na sancristía da capeliña do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela. O cura facilitábanos ese lugar, onde estabamos sete ou oito representantes de distintas provincias. Esa actividade foi a que me empuxou a militar nunha organización política, e coma min, tamén aos demais. Recordo a Rivas Fontán, que foi alcalde de Pontevedra; Miguel Barros Puente, que foi deputado no Parlamento de Galicia e concelleiro en Vigo; ou José Luis Méndez Romeu, que tivo unha traxectoria moi parella á miña. Démonos conta de que para pelexar con eficacia na transformación que había que facer do país tiñamos que militar nun partido. E xogámonola, pois naquel momento era o que implicaba. Foi unha etapa moi bonita, da que me lembro moito e ben.

"Na política local, as leas non son boas. Ninguén gaña coas leas. O único que sucede con elas é que o concello non avanza»

Supoño que vivir esa época marca para sempre.

Para sempre. Iso está claro. Foi o acerto da miña vida enfocarme á política.

Militaba no Partido Socialista Popular de Tierno Galván. Chegou a coñecelo?

Si, Don Enrique Tierno veu nun par de ocasións a Lugo, a pronunciar dous mitins, no Pazo dos Deportes. Toda a obra escrita que publicou téñoa na miña casa. Bebín nesa fonte con moita frecuencia, e moito. Satisfacíame enormemente escoitalo. Incluso nun mitin. Era conmovedor. Víase que tiña un don de chegar ás persoas, e que sempre trataba de trazar un mundo distinto, o mundo que nos estaba agardando.

É o político ao que máis admirou?

Foi o que máis influíu en min, iso sen dúbida. Pero dentro do Partido Socialista coñecín a persoas de grande valía, comezando por esa actitude espontánea e punzante de Felipe González nos seus mellores tempos. Coñecín a moita xente, e de todos aprendín moito.

Cal foi o seu rival máis acérrimo?

Con Francisco Cacharro tivo máis dunha discusión como deputado provincial na oposición... Con Cacharro tiven eu moitos debates, e de todos conservo satisfacción. Sobre todo, o que gardo del é o respecto que tiña á persoa. El zoscábame a min e eu a el, con discusións fortes, pero o respecto que tiña aos seus adversarios —como fun eu— foi moi satisfactorio. Tamén gardo con cariño, na miña etapa posterior como deputado provincial, os debates que tiven con José Manuel Barreiro. Cando as discusións danse así sentes que estás contribuíndo a construír algo. O respecto é a base fundamental das relacións políticas.

"As autonómicas parecen eleccións a alcaldías grandes. Nelas, quen mellor o fixeron foron Feijóo e Ana Pontón»

Ese respecto falta hoxe en día.

Si, o respecto á dignidade da persoa é fundamental, e non é, digamos, o que máis abonda. Máis ben brilla pola súa ausencia. Hoxe asumimos como normalidade a anormalidade da falta de respecto.

Xa non hai políticos como Tierno Galván?

Hai de todo. Hai políticos que xestionan ben os intereses públicos, e outros que nin iso fan.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkPor exemplo, quen destacaría das últimas eleccións autonómicas?

Penso que as eleccións autonómicas parécense cada vez máis a eleccións de alcaldías grandes. Veñen ser como alcaldes de grandes cidades. Dentro deles, e vouno dicir porque non teño compromiso con ninguén, Feijóo presentábase como o máis eficaz. Pero iso tamén o logrou a alcaldesa, por dicilo deste xeito, do Bloque, Ana Pontón. Sobre todo ela logrou transmitir esa dignidade. Os resultados acompañáronos.

Foi deputado autónomico, provincial e alcalde de Monterroso. Cal destes escenarios preferiu?

Os tres son interesantes. Na administración local vese rápido o que un fai, e tamén rapidamente é cualificado polos cidadáns. Ver que as cousas que fas afectan á vida produce unha satisfacción rápida, espontánea, próxima, como tamén pode causar desasosego o caso contrario, cando non se cumpren as expectativas. A Deputación, sen embargo, é unha institución que non é próxima aos cidadáns. É unha institución que non ten unha responsabilidade política directa. No Parlamento, a responsabilidade é moita, perodistinta, onde tiven un labor de fiscalización do goberno, así como de petición de cuestións que consideraba importantes para a provincia e para Galicia. O labor é moi traballoso, pero moi agradable, sobre todo cando se traballa nun proxecto de lei. Resumindo, gaña a satisfacción.

Foron 17 anos á fronte da alcaldía monterrosina. Que valoración fai desta traxectoria?

En primeiro lugar, síntome agradecido aos veciños e veciñas por apoiarme. Non vou contar con este último ano, que non se pode cualificar dende esta proximidade, pero penso que nas outras catro lexislaturas nas que fun alcalde Monterroso experimentou un crecemento extraordinario, e creo que iso ninguén o pode negar. Creáronse infraestruturas novas e fomos pioneiros en moitos servizos.

Como cales?

Por exemplo, un día chamoume o alcalde das Pontes, que daquela non era aínda presidente da Deputación da Coruña, para ver como funcionaba a nosa residencia de maiores, porque quixemos que fose un sitio pequeno, e que hoxe se coñece como ‘vivenda comunitaria’. Tamén o alcalde de Curtis veu interesarse polo xeito en que fixemos da feira popular unha feira organizada. Podería dicir moitas outras cuestións. Afortunadamente, as corporacións que me acompañaron neses anos contribuíron a aquel obxectivo. É certo que aquelas corporacións non estaban tan fraccionadas como a de hoxe. Se había que apoiar, apoiaban. Isto é de agradecer. Porque, na política local, as leas non son boas. Ninguén gaña coas leas. O único que sucede con elas é que o concello non se desenvolve.

"Prefiro o eido autonómico ou local ao provincial. A Deputación é unha institución que non é próxima aos cidadáns»

Que espiña lle quedou cravada nestes anos de alcaldía?

A transformación da Peneda. Esta zona tirou moito de Monterroso,pero hoxe está estancada. Teriamos que transformala. É certo que foi unha espiña que me quedou cravada, ogallá outros poidan acometer a súa mellora. Eu nunca poñerei ningún obstáculo ao desenvolvemento do noso municipio. Outra espiña que teño cravada foi a posta en marcha e desenvolvemento do Camiño Santo.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkOnde se refuxia cando as cousas non saen como quixera?

Para min o refuxio son os amigos. Os amigos amigos, aqueles cos que podes falar de calquera cousa, a calquera hora e en calquera lugar. Acudo a eles con frecuencia, refúxiome aí. Nalgunhas épocas tamén me teño refuxiado no estudo. Encerrábame, e iso valíame como modo de recuperación. Cando les, cando estudas, cando falas cos amigos, íllaste daquilo que che preocupa, pasas a ser alguén máis normal. A política local absorbe excesivamente. Se queres facer cousas tes que estar pensando continuamente, e deixar os intereses propios na casa.

Estudou Dereito sendo parlamentario.

Si, fixen Dereito pola Uned cando estaba no Parlamento de Galicia, pois sentía a necesidade de estar máis docto nas leis, e por suposto porque me gustaba a carreira de Dereito, e estudar. Tamén no meu primeiro ano de alcaldía fixen o primeiro posgrao universitario que se ofertou sobre administración local, para tamén salvar as carencias que eu tiña. Iamos venres, sábados e algún domingo. Custoume traballo, pero serviume de moito.

A súa primeira carreira foi a de Maxisterio. Penso que tamén o influíu no seu modo de facer política.

Si, sobre todo o exercicio do maxisterio. Eu saquei a oposición con 20 anos, e fun profesor durante un tempo, por etapas. Fun mestre na Coruña, en Boimorto, en Castro de Rei. Aí foi onde abandonei o maxisterio, e volvín do 97 ao 99. Custoume moito volver, e xa me xubilei sendo alcalde.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkDi que o último ano foi difícil. Arrepíntese de algo?

O que quero é pedir desculpas polos erros, porque algún erro cometín. E sei que os erros hai que pagalos. Se mo sinalan, non teño ningún inconveniente en recoñecelo. A humildade ante todo. Eu quero ser humilde, a falta de humildade é un grande inimigo da política e da sociedade.

Foi este o seu momento máis duro na carreira política?

Si, foi un ano perdido, pero non para min, senón para a colectividade que eu trataba de gobernar. Nos concellos hai que pelexar polo que os cidadáns precisan. Cando iso non sae adiante, nótase unha sensación de desagrado, de inquedanza, de que é difícil albiscar un horizonte.

Iso levouno a renunciar?

Si, o feito de non querer converterse en problema. Separeime para que aos outros lles sexa factible lograr os intereses da comunidade. Pero isto non quere dicir que me separe da política.

Ninguén pensou que volvería tras perder a alcaldía no ano 2015 e deixar o PSOE no 2018.

Se ti estás na política, vives aquilo. Eu seguirei na política, a política é moi difícil abandonala. Vai ser moi difícil que eu me dea apartado. Somos seres políticos cando aprendemos dos outros, cando falamos, cando opinamos. Se me apartei é porque considero que é a solución, non porque non sexa valente, en absoluto. Eu son de Monterroso e vou seguir alí integrado.

É que foi medio século de vida dedicada á política. En que pasará o tempo a partir de agora?

Hai unha cousa nova na miña vida. Un neto. É o primeiro, ten sete meses agora. Iso trae consigo un pensamento permanente, que me enche moito. Ademais, recuperei algo que tiña esquecido, a lectura. Despois, as relacións cos amigos e amigas. Hai xente que ten problemas cando leva moito tempo facendo unha cousa, pero eu síntome realmente ben, aínda que a miña saúde non o estea tanto.

Supoño que tamén é quitarse un peso de enriba...

Si, agora fíxome máis nas cousas. Daste conta de que hai cousas que desperdiciaches. Eu agora vou moito a unha casa que foi do meu avó nunha parroquia de Monterroso. Fíxome moito nos paxaros, no son do río. Escoito ben! Antes non atendía tanto eses praceres gratuítos por andar correndo todo o día. Son cousas fundamentais para unha persoa.

Que está lendo agora?

‘La sombra del viento’, de Ruiz Zafón. Fíxome moito no Babelia, de El País, para coller recomendacións. Gústame sobre todo a novela de tipo histórico. Teño unha boa biblioteca e tiro deses libros que non me deu tempo a ler, ou que xa lin, como os de Valle-Inclán, que me namoran. E os xornais tamén os leo.

"Pido desculpas polos erros que cometín, sabendo que hai que pagalos, pero sempre con humildade»

Ten tempo para cociñar?

Si, na miña casa fago todo. Divorcieime, e vivo só. E sempre fago a miña comida, algo que antes non facía. O único que non sei facer é pasar o ferro.

Como ve o futuro dese neto que agora lle ocupa o tempo no contexto da pandemia que mudou a nosa vida?

A vida na que moitos se sentían sen máis preocupación saltou polos aires. Non hai seguro de vida. O futuro é incerto. Teñen que aparecer talentos que nos conduzan a unha mellor situación. E tamén ten que quedar atrás o noso pasotismo. Sobre todo, ten que haber respecto, como no acto de homenaxe ás vítimas do coronavirus. Gustoume o que vin. Creo que superaremos esta situación.

Unha vida dedicada á actividade política
Generated by  IJG JPEG LibraryAntonio Gato Soengas, nado en Monterroso o 22 de febreiro de 1945, ten as licenciaturas de Maxisterio e Dereito. Aprobou a oposición como mestre aos 20 anos de idade.
Histórico socialista
Comezou a súa militancia no Partido Socialista Popular de Tierno Galván en 1973, e continuouna no PSOE cando o PSP se integrou neste. O seu primeiro cargo orgánico foi o de concelleiro en Castro de Rei despois das primerias eleccións municipais democráticas. Tamén foi deputado autonómico no Parlamento de Galicia nas catro primeiras lexislaturas, deputado provincial na época de Francisco Cacharro e portavoz do goberno baixo o mandato de José Ramón Gómez Besteiro.
Líder municipal
Gato Soengas foi alcalde de Monterroso dende o 1999 até o 2015 baixo as siglas do PSOE. No 2018 abandonou as filas socialistas e fundou a agrupación Independentes por Monterroso, coa que gañou as últimas eleccións municipais por un único voto de diferenza con respecto ao PSOE. Deixou o cargo o pasado 8 de xullo despois dun ano conflitivo no que tivo dúas rupturas de goberno e acabou asumindo a alcaldía en solitario mediante decretos.

 

"Cacharro zoscábame, e eu a el, pero cun respecto que agora xa non...
Comentarios