Un brinde polos 25 anos do Bahía!

O emblemático local de monterroso destaca pola calidade das súas pizzas, feitas con masa caseira, a súa cervexa de adega e a carta de viños
Suso e Ángeles, co seu fillo Rubén e todas as traballadoras do Bahía. CARBALLO
photo_camera Suso e Ángeles, co seu fillo Rubén e todas as traballadoras do Bahía. CARBALLO

A PIZZARÍA BAHÍA de Monterroso é un emblema da oferta gastronómica da vila. Hai quen viaxa 40 ou 50 quilómetros só para degustar as súas pizzas e os clientes habituais destacan a calidade das masas. Suso Vicente e Ángeles Ríos son os fundadores deste negocio que conta con moita sona e que agora cumpre o seu 25 aniversario. A parella recoñece que o local é a súa vida e que traballan arreo por dar un servizo de calidade. Para as pizzas preparan eles mesmos a masa cada día e cocen en fornos de pedra. Ademais, a oferta do Bahía inclúe tapas, racións e hamburguesas caseiras, cervexa de adega e unha ampla carta de viños de calidade.

A carta do Bahía é impecable pero o éxito deste local está tamén no esforzo que puxeron os seus propietarios en sacalo adiante.

A historia do Bahía é a historia da entrega e do traballo sen descanso, dun camiño cheo de difucultades superadas con adicación plena. A do Bahía é unha desas historias cada vez máis escasas nun mundo no que os negocios en xeral abren e pechan as portas a unha velocidade abraiante.

"Queremos agradecerlle aos nosos traballadores o seu esforzo e desexarlle un Bo Nadal a todos os clientes e aos nosos veciños de Monterroso", explican os propietarios Suso Vicente e Ángeles Ríos

Recorda Suso Vicente que a parella se meteu na hostalaría case como última alternativa. "Eu non tiña nin 25 anos e quedara sen traballo, de moi rapaz estivera algo na hostalaría pero pouco. Ángeles tiña 22 e nunca traballara en cousa semellante, pero naquel momento quedaba libre o restaurante España que había na Avenida de Lugo de Monterroso e collémolo. Sin experiencia ningunha, pero con moitas ganas e moita necesidae de traballar", explica. O azar quixo que un día naquel España fixeran unha degustación de pizzas porque unha das rapazas que traballaba con eles sabía algo diso. "Cocemos no forno industrial pero saíron ben e démoslle continuidade á idea".

Co tempo, a casa na que estaba o España foi derrubada e o matrimonio colleu en alugueiro outro bar na Rúa Benigno Vázquez. "Un sitiño 30 metros cadrados ao que xa lle puxemos o nome de Bahía". Alí botaron un tempo e cando xurdiu a oportunidade trasladáronse a outro espazo de maior tamaño na esquina da mesma rúa. "Neste novo local estivemos 18 anos e foi onde nos consolidamos. Pasamos tempos mellores e peores, pero tivemos sempre o cariño e o respeto da xente de Monterroso. Veciños aos que estamos moi agradecidos", di Suso.

Cando fala dos tempos mellores, Suso recorda o local cheo de xente gozando coas pizzas e a oferta gastronómica Cando fala dos tempos peores, refírese a un ano fatídico no que sufriu unha doeza rara que o mantivo fóra de xogo. "Non podía camiñar e a miña muller e o meu fillo Damián foron os que levaron o temón do negocio, sen eles non sairíamos adiante", suliña.

O Bahía superou a tormenta e fai catro anos deu un novo paso. "Púxose á venda o local actual (Rúa Benigno Vázquez 14), estaba ben montado e non o dubidamos. Comprámolo, fixemos unhas reformas e inauguramos unha nova etapa", comenta Suso. Nesta ubicación incorporouse ao negocio Rubén, o segundo fillo do matrimonio, e contan con tres empregadas "ás que estamos moi agradecidos. Ana e Leti levan con nós moito tempo, son coma da familia e valoramos a súa fidelidade".

Explican Suso e Ángeles que fan o que saben facer "traballar, dar bo produto e tratar ben ao cliente. Queremos agradecerlle ao noso persoal e aos nosos clientes o cariño que nos dan e desexarlles un bo Nadal", conclúe a parella.

Comentarios