O BNG esixe á Xunta que manteña o profesorado nos centros afectados polos recortes

Olalla Rodil afirmou que "os recortes van máis alá do reforzo de persoal contratado pola covid, supón unha redución do 4% respecto ao curso 2019-20"
IMG_0042
photo_camera Olalla Rodil, en Monterroso, con militantes e simpatizantes do BNG. EP

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou Monterroso con militantes e simpatizantes do BNG, onde reclamaron á Xunta de Galicia que manteña o profesorado do IES de Monterroso, que contará con cinco profesores menos para o vindeiro curso.

Olalla Rodil afirmou que "esta situación estase a repetir noutros centros de ensino de Lugo, o que demostra que o Partido Popular non aprendeu nada da pandemia".

O BNG defende que a Xunta de Galicia  manteña o profesorado de todos os centros afectados. Neste sentido, Olalla Rodil afirmou que "o incremento de profesorado e a redución do número de estudantes por aula demostrou que mellora a calidade educativa e permite que o estudantado obteña mellores resultados e mellora as condicións laborais do profesorado".

Así mesmo, para Rodil, "é preciso reforzar so servizos públicos no rural para garantir que se fixe a poboación".

Segundo as estimacións realizadas pola CIG, os recortes no ensino público irán máis alá do reforzo de persoal contratado polo covid-19, e poderían supoñer unha reducción do 4% con respecto ao 2019-20, o curso previo á crise sanitaria.

Olalla Rodil destacou aquí que "a situación sanitaria para o vindeiro curso é incerta, e fará moi complexo que se poidan cumprir os protocolos da Xunta de Galiza para garantir a seguridade nas aulas".

Ademia de ciriticar en xeral os recortes que a Consellería de Educación planifica para os distintos centros de ensino de Lugo, Rodil destacou casos como o Fontem Albei da Fonsagrada, que perderá catro docentes, o Virxe do Monte de Cospeito, que perderá dous ou o Pedregal de Irimia de Meira, que perderá un docente.

Centro de Saúde

Por outra banda, a deputada do BNG reclamou tamén que o Servizo Galego de Saúde cubra a praza de pediatría do centro de saúde de Monterroso, que actualmente se atopa deserta ao estar a titular de vacacións. Olalla Rodil criticou que o PP manteña sen cubrir esta praza, que presta servizo tamén aos concellos limítrofes (Antas de Ulla, Portomarín e Taboada).

"As veciñas e veciños ven como se cancelan as citas médicas para facer seguimento de fillas e fillos ou para cumprir coa planificación de vacinación", explicou Olalla Rodil, que engadiu que "non pode ser que a xente teña que facer esforzos heróicos por vivir no rural, hai que garantir o acceso a servizos públicos de calidade".

Comentarios