O BNG denuncia que a celulosa de Altri pode ser "o tiro de graza" da ría de Arousa

Recordan que se trata dun proxecto que a Xunta definiu como unha factoría de fibras téxtiles e, segundo a propia empresa, é unha macrocelulosa 
Altri introduciría una nueva producción en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Finca onde se prevé que se instale Altri. VICTORIA RODRÍGUEZ

A deputada Rosana Pérez advertiu onte que a "macrocelulosa" de Altri en Palas de Rei pode supoñer "o tiro de graza" para a ría de Arousa ao verse afectada por un proxecto "que a Xunta comprometeu como unha factoría de fibras téxtiles pero que, segundo a propia empresa, é en realidade unha macrocelulosa".

"A Xunta leva anos prometendo unha instalación para a fabricación de fibras téxtiles que non vai ser, segundo o propio proxecto de Altri, máis ca unha celulosa mastodóntica", denunciou a deputada nacionalista, quen adiantou que o BNG vai esixirlle ao Goberno do PP "todas as explicacións do que pode significar esta macrocelulosa para o río Ulla e para a ría de Arousa".

"Isto pode supoñer o tiro de graza para unha ría que xa está nun proceso de continuo devalo produtivo e de perda de postos de traballo na pesca, no sector do mexillón e no marisqueo", indicou Rosana Pérez, quen recorda que só nos últimos tres anos a ría de Arousa perdeu 200 mariscadores e mariscadoras, o sete por cento dos que había en 2020.

Críticas cruzadas en Foz. Por outro lado, o PP segue recriminando o que considera un "cambio de postura" de nacionalistas e socialistas con respecto ao proxecto de Altri. Onte, o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, preguntaba ao alcalde socialista do concello, Fran Cajoto, "por que antes Altri era boa para A Mariña e agora é mala para a provincia de Lugo?".

Cajoto, pola súa parte, declarou que "non se pode enganar a poboación". Nese sentido, lamentou que "se tratase de agochar o proxecto real diante da opinión pública", e aludiu ás cifras destacadas pola empresa, que "pasan de 2.500 postos de traballo a 500", ou "dunha planta de fibras téxtiles a unha baseada principalmente na celulosa", indicou.

Comentarios