Besteiro, Premio Nacional de Artesanía: "O coiro atrapa as cicatrices do animal"

O creador monterrosino foi recoñecido polo Ministerio de Industria en estratexia de venda ► Traballa con moito éxito nun obradoiro no lugar de Leborei, cerca da vila, desde hai 5 anos
Santiago Besteiro (segundo pola dereita), este venres en Madrid tras recoller o premio. XUNTA
photo_camera Santiago Besteiro (segundo pola dereita), este venres en Madrid tras recoller o premio. XUNTA

Santiago Besteiro foi recoñecido co Premio Nacional de Artesanía al Emprendimiento, que lle concedeu o Ministerio de Industria "pola estratexia de comercialización e posicionamento" do seu obradoiro en Leborei (Monterroso), segundo comentou o propio creador.

O taller comezou a funcionar hai cinco anos, aínda que Besteiro levaba 25 traballando como artesán. Comezou a formarse nunha escola taller de Monterroso "tallando en pedra cruceiros e escudos", para empezar a traballar en Mármores Adrio de Lugo. Nesta cidade matriculouse na escola de arte Ramón Falcón, prestando atención á talla de madeira.

O material que está na base do seu traballo no obradoiro é o coiro, que descubriu cando estudou Belas Artes na facultade de Pontevedra. "Cando me graduei non estaba moi fácil colocarse porque me tocou a crise do 2008 e aínda tardou en pasar. Así que tocou emprender e foi cando montei o taller".

Santiago Besteiro, en su taller. EP
Santiago Besteiro, no seu taller. EP

Así que empezou a facer bolsos, carteiras e outras pezas con coiro que mestura con madeira e pedra. "Son materiais naturais con personalidade forte" que teñen relación e exercen atracción, indicou Santiago Besteiro, quen subliña que "a madeira xa a traballara durante tres anos e desfrutaba facéndoo".

Esa mestura de madeira e pedra con coiro déixalle "crear unha nova linguaxe que me permite diferenzarme", apunta o artesán monterrosino.

A ubicación do taller agora premiado pola habilidade na oferta e venda do produtor veu determinada porque "desde que teño 11 anos vivo en Leborei, antes vivía na vila de Monterroso, que está a catro quilómetros; pero ía frecuentemente á casa dos meus avós, que está no rural".

Engade que a implicación "na aldea" era patente, mesmo "participaba na matanza".

Todas esas vivencias de infancia "de xogar cos primos e os amigos" inflúe na súa artesanía "porque somos animais e pertencemos ao natural".

Chantos, de Santiago Besteiro. EP
Chantos, de Santiago Besteiro. EP

Esa concepción do humano como unha estensión doutros seres vivos determina que o cautive "o coiro porque ten algo", que responde a caracteríticas como "atrapar as cicatrices do animal".

Esa crueza interesa a Santiago Besteiro porque, tratado con sobriedade, permite que a materia prima "non perda a beleza"; por exemplo, que a madeira "non perda a beleza das vetas".

Loewe

O coidado nas pezas chamou a atención da firma de luxo Loewe, coa que empezou a colaborar no ano pasado. A encarga "consistía en restaurar cestas de todo o mundo poñendo coiro nas partes rotas. É unha técnica xaponesa que se chama kintsugi, polas que restauran as cicatrices dun obxecto con ouro; eu uso coiro en vez de ouro".

O coidado das súas pezas chamou a atención da firma de luxo Loewe, que lle propuxo levar adiante unha colaboración

A maiores, e tamén neste ano, o creador de Monterroso participou na bienal de artesanía da Fundación Micheleangelo, que publica o catálogo Homo Faber, que se celebra en Venecia achegando unha peza a Next of Europe.

"Unha mostra dos artesáns da Unión Europea que van ser destacados ao longo dos seguintes anos", segundo explica este orfebre do coiro.

Comentarios