domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

O berce do Parlamento galego

O Museo da Terra de Melide xunto ao Concello impulsan a celebración, o próximo 4 de decembro, do 500 aniversario da reunión na que representantes dos diferentes poderes sociais de Galicia se sentaron a debater as demandas que foron a expor ao emperador Carlos V para pedirlle unha serie de dereitos en nome do pobo

O 4 de decembro de 2020 conmemórase o 500 aniversario da Asemblea de Prelados e Cabaleiros do Reino de Galicia. Nesa xuntanza conseguiuse reunir aos poderes estamentais galegos nun encontro no que se ía falar por e para Galicia, collendo á súa vez a testemuña da xuntanza celebrada 53 anos antes (1467), tamén en Melide e que, segundo verbas de historiadores especialistas, considérase a data e lugar de nacemento da Xunta de Galicia.

Ambos acontecementos, e en particular a Asemblea de 1520, serán recordados o vindeiro 4 de decembro nunha celebración que se impulsa desde o Museo da Terra de Melide e o Concello.

As Cortes de Santiago


No mes de marzo do ano 1520, o rei Carlos I de España, coñecido como Carlos V polo seu título de Emperador do Sacro Imperio Romano-Xermánico, convocou Cortes en Santiago, xa que se atopaba de viaxe cara á Coruña, onde ía embarcar con destino a Flandes. Nesa celebración de Cortes, Galicia non tiña voto de seu dende o século anterior, polo que todas as decisións que se plantexaran en nome deste Reino debían ser defendidas por Zamora, que era a cidade que representaba o voto de Galicia. O Convento de San Francisco de Santiago foi o escenario escollido para a celebración de ditas Cortes, sen estar convidados ningún membro da nobreza nin prelados galegos, sendo ambos sectores os que rexentaban o poder xurisdicional do Reino. A irrupción do arcebispo de Santiago, Alonso III de Fonseca e Ulloa, acompañado do señor de Vilalba, Fernando de Andrade Pérez das Mariñas, e máis do conde de Benavente, tivo consecuencias negativas, xa que foron expulsados non permitíndoselles a entrada.

Ante tal feito e motivado polo desplante do Rei, Alonso III de Fonseca decidiu convocar aos poderes estamentais galegos (nobreza e alto clero), que tiñan o poder xurisdicional sobre as terras, nunha xuntanza para reclamar varios acordos en nome de Galicia.

Asemblea de Melide


O 4 de decembro de 1520, o arcebispo de Santiago, Alonso III de Fonseca, inicia a reunión na que se xuntaron en Melide "os prelados e cabaleiros do Reino de Galicia, por ser la metad del Reyno". Esta asemblea de Melide conseguiu reunir ás distintas forzas sociais de Galicia, representadas por bispos, señores nobiliarios e delegados das vilas e cidades. Melide foi o lugar onde se decidiron fundamentais e transcendentais decisións políticas e sociais, converténdose así no cerne da configuración política da Baixa Idade Media e dos inicios da Idade Moderna de Galicia.

Antiga igrexa de San Pedro, hoxe desaparecida. XOSÉ MANUEL BROZ

Tratouse da segunda ocasión na que se escolleu Melide como cerne do Reino e alí celebrar unha xuntanza que se reunisen os poderes estamentais do país, para solicitar dereitos en nome de todo o pobo galego.

Non se coñece o lugar exacto onde se celebrou dita reunión. Obviamente non puido ser no castelo, xa que se achaba totalmente derrocado. Cabe a posibilidade de que se fixese a xuntanza ou ben no convento que os Franciscanos posuían na vila, ou ben na antiga igrexa parroquial de Melide, a antiga e demolida igrexa de San Pedro. Ou incluso puido acontecer na capela de San Sebastián, un pequeno templo situado extramuros da vila, no que hoxe é o Cruce de Melide.

Debuxo da antiga capela maiordo convento de Sancti Spíritus (actual parroquial), tal e como sería no século XVI. XOSÉ MANUEL BROZ

Participantes na Asemblea


Nesta reunión convócase aos señores de Galicia (laicos e eclesiásticos). Neste momento o poder señorial era exercido por nobres e bispos que retiñan a posesión das terras e, polo tanto, das xentes que traballaban nelas, pero tamén acoden representantes de vilas e cidades -o que hoxe serían alcaldes-, que lexislaban e executaban as leis dos cidadáns que habitaban neses núcleos: comerciantes, burgueses... A decisión de xuntarse a parlamentar e expoñer medidas ao rei, para ser aplicadas no Reino de Galicia, supuxo un feito único na historia galega, xa que as propostas asinadas tiñan que ver única e exclusivamente con necesidades propias do Reino.

A esta asemblea acudiron, ou enviaron representación, 25 nobres e prelados, ademais do arcebispo de Santiago, o conde Fernando de Andrade Pérez das Mariñas e o licenciado Cáceres en nome do conde de Benavente, os tres presentes nos altercados das Cortes de Santiago. Tamén asistiron, entre outros, Álvaro de Taboada en nome da condesa de Lemos, dona Beatriz de Castro; Gutierre de Navia en nome do conde de Altamira e do seu titor, o bispo de Astorga; o doutor Botello en nome do bispo de Lugo; o deán de Mondoñedo en nome do cabido en sede vacante; o mariscal Álvaro González de Rivadeneyra, García Sarmiento, señor de Salvaterra e Sobroso; Vasco das Seixas; Suero Gómez de Soutomaior, señor de Sobrán; Ares Pardo das Mariñas; Pedro Álvarez de Valadares; Ares Pardo de Cela, ou Frei Alonso Gago, comendador de Pazos de Arenteiro.

Dos señores, o único que non acudiu nin enviou representación foi o conde de Monterrei e, dos prelados, non estiveron presentes o bispo de Tui nin o de Ourense. As cidades das Burgas e Betanzos estiveron representadas polos seus rexedores. Así, practicamente toda a nobreza laica e señoríos eclesiásticos estiveron presentes neste acto.

Finalmente, asináronse 16 peticións para presentar ante o rei Carlos I de España e V de Alemaña, xa que nese momento xa fora proclamado emperador electo do Sacro Imperio Romano-Xermánico.

Acordos e peticións


Nesa reunión asináronse 16 capitulacións, algunhas das cales de ámbito xeral e outras máis particulares, vencelladas a núcleos e regulacións de mercados. De todas elas, catro tiveron importancia capital.

A primeira delas, afirmar a fidelidade ao monarca e, ao mesmo tempo, manterse alleos ao conflito comuneiro que estaba acontecendo en Castela contra o rei polas súas políticas, que puxeron en descontento á nobreza castelá, pero acudir á chamada do rei seeste o requiría.

Ademais, solicitar e acadar o voto en Cortes para Galicia, perdido a mediados do século XIV e que, por aquel entón, estaba sendo representada por Zamora, conseguir unha casa de contratación de especias e mercadorías de ultramar, igual que a que xa funcionaba en Sevilla, e crear unha Capitanía Xeral para Galicia, tamén asentada na Coruña.

Outros acordos tiñan carácter máis anecdótico, como solicitar a non execución das penas nas que se incorrera pola celebración de "vodas fastuosas", dado que ditas citas debían ser festexadas con mesura. Ou a solicitude de pan e armamento, dada a escaseza que había naquel momento de ambas cousas.

Estas propostas chegaron ao rei, que aínda se atopaba en Alemaña, dando evasivas por resposta ás peticións máis importantes. Non así ao subministro de armas e pan, que procedeu a autorizar a súa repartición.

Das peticións importantes e fundamentais, case ningunha obtivo unha resposta pronta e favorable.

Así, Galicia debía sumarse a combater a revolta dos comuneiros se llo requiría o rei. De feito, o propio arcebispo Fonseca tivo que facer de mediador no conflito das xermanías en Valencia. A casa de contratación para a Coruña, Casa da Especiería, foi conseguida no ano 1522, ao igual que a Capitanía Xeral, que se aprobou o 14 de abril do 1521. En canto ao voto en Cortes, nun primeiro momento o monarca prometeu falar desa cuestión en canto regresara a Castela, pero o certo e que non se chegou a acadar definitivamente ata o ano 1622, xa baixo o reinado de Felipe III, neto de Carlos.

Carlos I en Melide


Cómpre destacar que meses antes desta asemblea de Melide, o rei Carlos I pernoctou na vila cando ía de camiño cara Santiago para a celebración das Cortes.

Este feito histórico resulta cando menos anecdótico, coñecendo que nove meses despois, no mesmo lugar, celebrouse a reunión na que se asinaron as reclamacións e peticións para dito monarca efectuadas en nome do Reino de Galicia. Non se coñece o lugar onde pernoctou, pero con total probabilidade o fixo no convento que a Orde Terceira Regular Franciscana posuía na vila, cuxa igrexa hoxe é a parroquial de Melide.

O berce do Parlamento galego
Comentarios