Comando Curuxás non para

Esta banda, con xerme nun pub de Palas de Rei, comezou a súa andaina no mundo da música tradicional en 2017. Tres anos despois, presentaron o seu primeiro disco e agora tratan de aproveitar o que agardan que sexa un "bo verán" cheo de bolos.
Imaxe promocional da agrupación musical. FACEBOOK
photo_camera Imaxe promocional da agrupación musical. FACEBOOK

UNHA NOITE de verán, no pub Casa do Outeiro de Palas de Rei, tres amigos músicos tiveron unha idea, querían comezar a tocar como banda e que a xente se divertise con eles.

Pablo Pardo (frauta, saxo soprano e vocalista), natural de Monterroso, e dous irmáns do municipio coruñés de Santiso, Serxio Núñez (vocalista, clarinetista e gaiteiro) e Alberte Núñez (acordeonista), apostaron por aquela apresurada idea e decidiron crear o grupo Comando Curuxás. Máis adiante, uníronse a eles o percusionista Miguel Anxo López, tamén de Monterroso, e o luthier de clarinetes e con experiencia en distintas formacións Pablo Pascual, orixinario da Cañiza.

"Nós partimos da música tradicional e popular galega, e a partir de aí traballamos con outras influencias que recibimos. Ao repertorio de baile popular, engadímoslle arranxos estilísticos un pouco máis modernos. O habitual na tradición oral, que se foi enriquecendo das vivencias de cada xeración", sinala o vocalista, Serxio Núñez, sobre a intención do quinteto.

O 31 de xullo tocarán en Compostela no festival de música tradicional Trad Fest, coincidindo coas Festas do Apóstolo

Por que este nome? "Curuxás foi o último guerilleiro antifranquista, xamais collido, de Galicia. Era do Careón, a serra que hai entre Santiso e Monterroso, entón serviunos de referente", explica.

A banda presentou o seu primeiro disco -homónimo-, de dez temas, no Entroido de febreiro do 2020: "Xusto fomos recollelo o día que nos pecharon en casa. Foi unha mágoa, porque xa tiñamos pensado como desenvolver as presentacións".

Serxio relata aqueles momentos complicados dos que, afortunadamente, saíron adiante: "Como na actualidade todo é moi efémero, daquela pensamos que nos ocorrería o mesmo que a moitos artistas de hoxe. Mais o certo é que a xente volveunos coller con moitas gañas e agora temos un verán bastante cheo de concertos".

O nome da banda é unha homenaxe ao último guerrilleiro antifranquista

Fóra de Galicia, estiveron no Folkez Blai de Ermua en setembro de 2019. Outra cita que lembran especialmente é a actuación, en outubro do ano pasado, no Domingo das Mozas, durante as festas patronais do San Froilán en Lugo. "A experiencia foi boísima. A Praza de Santa María é un dos lugares icónicos onde un sempre quere tocar, e ademais nunhas datas tan simbólicas. Todo levou a que a actuación fose memorable", sinala Serxio.

PRÓXIMOS CONCERTOS. Con aínda datas por confirmar durante este verán, unha das citas sinaladas para eles será o vindeiro 31 de xullo, cando actúen no coñecido Parque de Bonaval (Santiago de Compostela) durante o Trad Fest, coincidindo coas Festas do Apóstolo.

Este festival, que xa cumpre catro anos, é un encontro para os amantes da cultura tradicional galega. Sobre el, Serxio agarda que sexa un "gran bolo". "Está destinado a músicos do país con base tradicional, entón o público que vai xa está familiarizado co tipo de música que facemos e sempre é un espazo interesante".

Acerca da posibilidade de voltar ao San Froilán, Serxio recoñece que "sería marabilloso". "Estaremos abertos sempre, en Lugo sentímonos como na casa", conclúe.

Comentarios