"A banda de música é un patrimonio de Antas e temos que loitar polo seu futuro"

Andrés Álvarez Toirán (Láncara, 1994) é o novo director da banda de música de Antas e da súa escola. Álvarez recalca que a agrupación "é un ben cultural moi importante para a vila e a comarca" e aposta por seguir perfeccionando a súa calidade musical como garantía de futuro
Andrés Álvarez Toirán. EP
photo_camera Andrés Álvarez Toirán. EP

O mozo lancarés Ándres Álvarez Toirán, un destacado trompetista que actuou como solista coa Xove Orquestra Sinfónica de Galicia e que tamén participou nalgúns concertos coa sénior, é o novo director da histórica banda de música de Antas de Ulla, que cumpriu 125 anos, e da súa escola.

Que lle impulsou a sumarse a este proxecto?

Tiven a ocasión de tocar coa banda de Antas de Ulla en varios concertos e gustoume o seu xeito de traballar. É un grupo cunha calidade humana e musical excelente. Cando me enterei da apertura do proceso de selección para substituír o anterior director decidín optar á praza. Non o dubidei e estou ilusionado con esta responsabilidade.

Onde cursou os seus estudos musicais?

Primero estiven no conservatorio profesional Xoán Montes de Lugo, desde os 9 anos, e rematei esa formación inicial no conservatorio profesional de Santiago de Compostela, a onde se trasladou temporalmente a miña familia. Despois fixen estudos superiores no conservatorio da Coruña. Tamén asistín a cursiños con profesores como Manuel Blanco, Xabier Simó ou Reynolds. Ao rematar o bacharelato foi cando decidín dedicarme á música como profesión. Son o primeiro músico que hai na miña familia.

"Quero organizar un campamento para que os alumnos da escola asistan a masterclass con músicos de prestixio"

Cales son os seus retos ao fronte dunha banda que cumpriu 125 anos?

Son consciente de que a banda de Antas constitúe un patrimonio cultural moi importante para a vila e para a comarca, xa que contamos con músicos de toda a contorna, e temos que loitar pola súa continuidade. A miña intención é fomentar e mellorar a calidade individual e colectiva dos músicos. Teño a sorte de recoller o traballo previo do anterior director, Javier González Borrajo, que fixo un gran labor nos últimos anos. Canto mellor sexa a formación ofrecida, mellores serán os resultados futuros. Deste xeito tamén conseguiremos que continúen incorporándose á escola alumnos de Antas e doutros concellos para manter vivo este patrimonio, algo que non resulta fácil ante a despoboación do rural. Por iso mantemos as portas abertas a quen queira sumarse ao proxecto.

Como foron os seus primeiros días á fronte da agrupación musical?

A acollida que recibín foi moi boa. Os músicos son unha piña e síntome moi cómodo. Agora estamos preparando as actuacións de fin de curso, no que participará todo o alumnado da escola de música. Tamén temos previsto actuar nas festas do San Xoán de Antas, con temas que estamos ensaiando con moita ilusión.

Como ve o futuro da escola de música?

Penso que contamos cunha boa canteira, con mozos que comezan a aprendizaxe moi novos e cunha boa bagaxe. Tamén hai algúns adultos moi comprometidos no bo manexo dos instrumentos. O traballo na escola de música é fundamental para o porvir. A formación dos seus compoñentes é vital para que a banda manteña o seu tirón. Unha das ideas que teño é organizar un campamento musical cos alumnos da escola para que teñan a oportunidade de asistir a masterclass de músicos de prestixio.

Comentarios