miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

As 'kuri' de Monterroso

Jesús Quintá cos seus clientes xaponeses. EP
Jesús Quintá cos seus clientes xaponeses. EP
A empresa Alibós recibiu a tradicional visita dos seus clientes xaponeses, que cada ano volven para coñecer mellor a terra das castañas que mercan a un dos seus principais colegas europeos

Xusto antes de que remate o outono, e non por acaso —como todo no país do sol nacente—-, tres clientes xaponeses de Alibós visitaron as instalacións e os soutos da empresa monterrosina. É algo que fan cada ano, coma se fose parte do ciclo natural dun dos seus produtos máis cobizados, a castaña, e tamén como un xesto de respecto, proximidade e coidado cada vez máis raro neste mundo.

O xerente de Alibós, Jesús Quintá, fala con ledicia da visita, mentres lle pide á intérprete que lle refresque o nome da castaña en xaponés -"kuri", acaba dicindo-. El sábeo perfectamente, pero non se lembra neste intre. Sábeo, porque correspondeu coa mesma moeda ás visitas dos seus clientes xaponeses. "Fun a Xapón 17 veces", confirma, sabendo que pouco máis fai falla para medir a súa admiración.

Alibós é das empresas españolas máis veteranas no país nipón e primer consumidor de castañas a nivel mundial, con cerca de 80.000 toneladas anuais. A empresa monterrosina aporta unha boa cantidade, con varios contenedores. Esas castañas serven alí para elaborar cafés específicos, xeados, pasteis ou purés. Iso explica o perfil dos seus visitantes, dos que prefire non revelar o nome. Un deles veu en representación da maior empresa nipona importadora de castañas; outro, dunha cadea de tendas específicas deste produto que conta con 8.000 establecementos en todo o arquipélago; o perfil do terceiro é o de axente da industria transformadora. "Eles son colaboradores alí", confirma.

O xerente de Alibós, Jesús Quintá, foi a Xapón 17 veces, e do país nipón destaca a delicadeza, a educación e o bo gusto

"A castaña é en Xapón un produto natural e nobre, que valoran moito. No outono moitos establecementos adornan os escaparates cos ourizos, está moi presente na súa cultura", conta Quintá.

ADMIRACIÓN. El tamén aprendeu moito desa mirada atenta á natureza, e deste tempo lento que impoñen as súas visitas. "Non vaias pensar que é unha visita protocolaria. Eles queren ver as cousas e preguntan todo, son moi curiosos. Queren pasar tempo con nós e fano con todo o vagar do mundo. Agora mesmo estamos tomando un viño", bromea Quintá, que sempre conta cunha intérprete entre o xaponés e o galego para traducir as conversas.

"Imaxínate como conciben eles as relacións, que os clientes que teño alí me convidan aos bautizos e aos enterros!", indica. E 17 visitas a Xapón non foron suficientes para minguar o seu asombro.

"Gústalles moito a nosa castaña, pero tamén a paisaxe galega, que din que se parece moito á súa"

"Teño clientes máis antigos en Estados Unidos, pero nunca cheguei a velos. Non é común coñecelos, nin que che traten tan ben cando fas unha visita. En Xapón sempre me esperou un taxi no aeroporto xa para ir ao hotel ou a cear con eles", comenta.

"Son persoas moi coidadosas, e moi seguras en todo o que fan, nos pedidos e nos pagos. Non traizoan nunca, e iso hoxe é cada vez máis difícil", explica Quintá. Á marxe dos negocios, el admite estar marabillado cun país do que resalta a educación, o trato, a seguridade e "o gusto co que fan todas as cousas".

O que lle contan de Galicia os seus clientes e amigos xaponeses tampouco está mal. "Gústalles moito a nosa castaña, pero tamén a paisaxe galega, que din que se parece moito á súa", indica. Dende logo, el tamén se esmera en que queden contentos, e todos brindan por unha relación que fai que neste momento alguén, no outro lado do mundo, desenvolva un kuri-manju -un pasteliño de castañas- que creceu en Monterroso.

As 'kuri' de Monterroso
Comentarios