Martes. 20.11.2018 |
El tiempo
Martes. 20.11.2018
El tiempo

Vázquez destaca a calidade dos produtos da Ulloa na XXVI Feira do Queixo

Ángeles Vázquez, na Feira do Queixo da Ulloa, este domingo. J.VÁZQUEZ
Ángeles Vázquez, na Feira do Queixo da Ulloa, este domingo. J.VÁZQUEZ

Santalices defende no pregón que "o Parlamento non é dos deputados, é da xente" 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, puxo en valor a calidade dos produtos agroalimentarios da comarca da Ulloa e dos queixos da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, en particular, para a dinamización e promoción da zona rural do centro de Galicia. 

Así o destacou durante a XXVI Feira do Queixo de Ulloa, celebrada esta fin de semana en Palas de Rei. 

O certame abarca os sectores máis representativos da zona, incluíndo distintas actividades e demostracións do sector agroindustrial e da artesanía. 

Como novidade, creouse a encomenda do Queixo, como unha asociación formada por "comendadores" que teñen entre os seus obxectivos fomentar e difundir o recoñecemento do queixo da Ulloa e dar a coñecer as súas calidades en todos as súas vertentes. 

A Feira contou co pregón do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que defendeu en Palas de Reis que "o Parlamento non é dos deputados, é da xente", e que as súas portas "están sempre abertas" para recibir aos cidadáns. 

Así o destacou na apertura da XXVI Feira do Queixo de Ulloa, Produtos de calidade e turismo sustentable, na que enxalzou as características da comarca. 

No seu discurso referiuse á 'pelerinaxe' efectuada polos escritores Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Sey no verán de 1927 entre Ourense e San Andrés de Teixido, nun percorrido a pé que levaría a Otero a destacar a "fartura" e as "boas terras" da comarca de Ulloa. 

Santalices exaltou a comarca como unha "terra privilexiada polos tesouros ambientais e monumentais que acolle" pero tamén como unha despensa farturenta que destaca pola calidade de produtos como a carne ou o queixo, cunha fama "que traspasa fronteiras". 

O presidente da Cámara galega referiuse ao modo de vida tradicional, "unha vida dura, heroica", "nalgúns casos idealizada, pero que case ninguén quere que volva". 

Pero en opinión do presidente do Parlamento nas pasadas décadas, "Galicia cambiou moito e foi en boa parte grazas ao ingreso de España en Europa", unha Europa "familiar" na zona ante o Camiño de Santiago. 

"Atrás quedou aquela vida de esforzo e de penurias, nunca suficientemente recoñecida, sobre todo para as mulleres, as auténticas heroínas da Ulloa e de Galicia enteira", subliñou, destacando que as mulleres son "as verdades artífices da feira" que se celebra. 

"Foron as mulleres, de onte e de hoxe, as que perpetuaron e transmitiron os saberes centenarios relacionados coa elaboración do queixo, un dos máis apreciados polos consumidores", engadiu. 

E sobre o produto da feira, recomendouno "como galego e como médico" por ser "un alimento único, apto para case calquera persoa". 

Vázquez destaca a calidade dos produtos da Ulloa na XXVI Feira do...
Comentarios