O alumnado contra o vandalismo

O Ceip de Monterroso é o único da provincia que acolle un proxecto da Fundación Barrié e a Asociación para a Prevención e a Educación Social para traballar no coidado dos bens públicos
Alumnado do Ceip de Monterroso, coa a alcaldesa, con membros da Garda Civil e con persoal de Apes. EP
photo_camera Alumnado do Ceip de Monterroso, coa a alcaldesa, con membros da Garda Civil e con persoal de Apes. EP

O alumnado de quinto de primaria do Ceip de Monterroso estase formando na investigación social. O programa Sen vandalismo chegou ao centro, o único da provincia que participa na iniciativa, da man da Fundación Barrié e a Asociación para a Prevención e a Educación Social (Apes). O obxectivo deste programa é o de concienciar á comunidade sobre a importancia da prevención dos comportamentos vandálicos, á vez que facer dos centros educativos espazos de transformación e compromiso social, segundo indican os impulsores.

O proxecto, que botou a andar no mes de outubro e se prolongará até marzo, conta con varias sesións presenciais nas que se abordan distintas dimensións do vandalismo. A última contou coa participación da alcaldesa, Rocío Seijas, e tamén con dous axentes da Garda Civil.

Seijas fixo un repaso dos actos vandálicos que se levaron a cabo nos últimos tempos. Os danos sufridos na Cúpula, na área recreativa de Caracacho, nas rúas da vila, nas pistas da petanca, nos baños das pistas de pádel, no espazo Lorenzo Varela, nos colectores de lixo ou nas marquesiñas.

Especial atención recibiron tamén os diversos exemplos de danos medioambientais, como foron as dúas árbores envorcadas na área recreativa da Peneda, así como as verteduras incontroladas que se produciron no municipio. "A nosa intención, dende o Concello, foi a de concienciar do valor do patrimonio e dos bens públicos, así como do custo de reparación e reposición dos medios", indicou a rexedora.

Pola súa banda, a Garda Civil tratou das consecuencias sociais e penais do vandalismo, así como do procedemento que se articula dende que se produce o acto vandálico para conseguir probas e determinar a responsabilidade do acto. Neste sentido, falaron por exemplo das pintadas homófobas que apareceron en xuño do ano pasado no parque infantil, un parque coas cores da bandeira LGTBIQ+. "Para nós, foi o peor dos actos vandálicos, porque ese é un dos lugares do festival Agrocuir. Nese caso, explicouse como delitos contra un ben público poden ser, en ocasións, tamén delitos de odio", indicou a rexedora, que se manifestou moi satisfeita de colaborar coa iniciativa.

Un calendario intenso e extenso

Os investigadores sociais de quinto de primaria terán varias actividades nos vindeiros meses. Eles serán os encargados de trasladar ao alumnado de secundaria a información que vaian recollendo e os resultados da súa investigación.

Tamén colaborarán cos maiores que fan uso do centro de día do municipio. Ademais, está prevista unha sesión de limpeza conxunta.

Metodoloxía

O proxecto, que ten unha duración de seis meses, contempla unha reunión mensual. Neste tempo, a Apes desenvolve un traballo de titorización do profesorado, un programa de accións formativas e un seguemento da acción social deseñada.

A metodoloxía deste proxecto é coñecida como de aprendizaxe e servizo, que combina a aprendizaxe curricular co servizo á comunidade.

Para levar a cabo esta iniciativa, é esencial a colaboración de toda a comunidade educativa e das institucións do contexto do centro.

Comentarios