O Agrocuir volve con paso miudiño

O festival cumpre 8 edicións esta finde logo dun ano de pensar como facerse máis sostible
Un espectáculo da última edición do festival Agrocuir, en Monterroso.  XESÚS PONTE (AEP)
photo_camera Un espectáculo da última edición do festival Agrocuir, en Monterroso. XESÚS PONTE (AEP)

Monterroso prepárase para acoller, nesta fin de semana, a oitava edición do Festival Agrouir da Ulloa. "Este ano será un experimento", di Adrián Gallero, un dos organizadores. E é que, nese afán por seguir tecendo contradiscursos, por seguir promovendo prácticas emancipadoras, o festival cuestionou durante todo este ano o seu xeito de crecemento, para volver con paso miúdo, firme e miúdo, libre e miúdo.

Con menor orzamento, sen actividades paralelas, sen concerto grande, sen postos de comida. O máis común é que este tipo de decisións veñan dadas por un recorte vindo de fóra, pero neste caso foi a propia organización a que quixo vir a menos. "Cada ano, até agora, aumentou o público, os artistas, a bebida, o aloxamento... e cada ano viamos os límites desta maneira de crecer", conta Gallero. Por iso, o ano pasado, decidiron frear, parar e pensar neste rumo.

Así, no mes de marzo organizaron xornada de reflexión con xente amiga do festival, do colectivo LGBTQIA+ de Galicia e xente da vila, que foi facilitada pola cooperativa Rexenerando, experta en procesos en grupo deste tipo. De aí, saíu este paso máis lento co que o Agroucuir quere seguir camiñando e danzando, un paso propio que, igual que vén cuestionando modelos relacionais e de xénero, quere pór o foco nesa inercia que nos leva a medrar e acumular, "e camiñar cara a iniciativas que sexan realmente anticapitalistas".

O festival busca así a sostibilidade social, ecolóxica e económica. Social, para que a celebración da cita non esgote ás persoas organizadoras e tampouco ás veciñas; económica, reducindo o orzamento; ecolóxica, buscando a autoxestión da comida ou do transporte, cuestións que tamén implican maneiras de relación, de conversa e de organización alén das que marca o consumo.

"Non quixemos comezar a cobrar entrada e limitar o aforo. Non quixemos privatizar este espazo. Gustaríanos facer este cambio de xeito colectivo, coa comprensión de todes, que cada quen se preguntase o que pode facer para que o Agrocuir sexa sostible. Ao mellor é organizar un agrocuir na súa aldea, ou vir aquí cada dous anos... sabemos que é difícil e delicado, pero queremos facer xuntes esa reflexión", indica Gallero.

Programación

A mesma reflexión fíxoa o martes Marta Álvarez Quintero na presentación do programa no Pazo de San Marcos, ao abeiro da Deputación, que destina máis de 5.000 euros a esta cita. A deputada Pilar García Porto, xustificou o apoio a unha cita que "promove un rural vivo, diverso e feminista", indicou.

No programa, destacan o venres as actuacións de Bewis de la Rosa, Mondra e Nelu Vermouth. O sábado déronlle un pulo aos obradoiros, que tratarán temas como as relacións non monógamas, con Non Monogamias Ourense, ou as relacións entre lingua e sexualidade, con Daniel Amarelo e Cris Ascariz, entre outros.

Menos concertos, si. Pero máis cantos de taberna, djs, obradoiros, accesibilidade, máis paso miúdo para bailar con xeito un ano máis.

Comentarios