Afronta cinco anos por intentar introducir droga no cárcere de Monterroso

A acusada, que será xulgada o martes na Audiencia, foi pillada cando ía efectuar unha visita. Os estupefacientes tiñan un valor de 566 euros
Prisión de Monterroso. ELISEO TRIGO (EFE)
photo_camera Prisión de Monterroso. ELISEO TRIGO (Efe)

Unha muller afronta cinco anos de prisión por intentar introducir droga no cárcere de Monterroso. As substancias que se lle incautaron tiñan un valor de 566 euros. A acusada será xulgada o próximo martes, día 30, na Audiencia Provincial.

Segundo se sinala no escrito da Fiscalía, os feitos polos que está procesada esta muller ocorreron o día 18 de setembro de 2021, cando ela se dispoñía a facer unha visita no centro penitenciario.

O mesmo documento indica que cando a procesada estaba na zona denominada de "entreportones", axentes da Garda Civil que ían acompañados por cans adestrados detectaron que portaba drogas.

No cacheo que lle efectuaron á acusada, ao que se someteu voluntariamente, incautóuselle unha bolsa de plástico transparente na que levaba cinco envoltorios que contiñan 41,595 gramos de resina de cánnabis e dous envoltorios con 1,01 gramos de heroína cunha riqueza do 28,3%; e outros 0,416 gramos de cocaína cunha riqueza do 94,2% e 2,577 gramos de heroína cunha riqueza do 39% que a muller ocultaba na súa roupa interior, na zona vaxinal, coa finalidade de introducila na prisión monterrosina. Estes estupefacientes alcanzarían no mercado negro o valor de 566 euros.

A Fiscalía pide unha condena de cinco anos de prisión e unha multa de 1.698 euros e sinala que concorre a circunstancia agravante de reincidencia. Así, indica que a muller xa foi condenada como autora de un delito de tráfico de drogas sen grave dano á saúde por sentenza firme ditada polo xulgado do Penal número 1 de Lugo o 25 de xuño de 2021.

Comentarios