lunes. 25.05.2020 |
El tiempo
lunes. 25.05.2020
El tiempo

A feira para os bicos e os 'jolines'

Feira dos Bicos. SEBAS SENANDE
Feira dos Bicos. SEBAS SENANDE
A feira de agosto en Monterroso era o lugar onde os emigrantes volvían bicar aos que quedaran aquí, agora é unha data para celebrar vestidos de época

CANDO NON SE podían dar likes en Facebook, dábanse bicos nas feiras. Para as persoas que emigran agora é doado saber que acontece no mundo que lles queda atrás. Os que collían as maletas antes pouco podían saber. É por iso que, os que volvían no verán a Monterroso, agardaban desexosos a feira do primeiro de agosto. Alí lucían as súas mellores galas, achegábanse aos seus veciños, dábanlles un par de bicos e dicíanlles: "Jolines, canto tempo sen vernos". Tamén se lle chamaba a feira dos 'jolines'.

A asociación cultural 25 Xastres recuperou esta data hai catro anos coa premisa de ir vestidos de "principios do pasado século", conta o seu voceiro, Sergio Alba. A interpretación, coma en todo, é libre. Hai quen escolle o seu estilismo nunha época bastante anterior e quen se queda co deste milenio.

"É a Feira dos Bicos, pero a min non me deron ningún. Nin tan sequera a miña muller", di entre risas Alfonso Ouro. Escoita a banda de música Dambarra e explica que o que máis lle gusta desta feira é "poder ver os oficios" porque "son como os que había antes".

_49I7490O bater suave das palilleiras de Monterroso foi a banda sonora do artesán que mostrou o traballo minucioso da olería de Guindivós. Ao carón deles, a rapazada xogaba coa masa para crear formas imposibles e facer unha fornada de pan. O torneiro Xosé Nebra dáballe ao pé para mover a roda que limaba a madeira e Manuel Fernández mostraba un feixe de cestos feitos por el.

"Hei d’ir a Montevideo/ anque sea por un ano/ anque non faga diñeiro/ sempre son o americano". Como reza a copla, o compañeiro de feira de Ouro preséntase dicindo: "Eu son americano". É José Tarrio, é da Ulloa, pero botou media vida embarcado. "Mentres andaba por alá, pouco se podía vir aquí. Os cartos non daban para facer moitas visitas", recorda.

Na conversa cólanse anécdotas como a que conta Tarrío dun home galego que fixera moita fortuna en Nova York e dicía que invertir en Galicia "era moita ruína". Tarrío e Ouro mófanse del porque "volver é o mellor que hai. Non hai terra coma esta".

A feira para os bicos e os 'jolines'
Comentarios