"A festa sola" da man de Antonio

Tras achegarse ao mundo da música aos 50 anos, o albanel palense Antonio Rodríguez Penín tardou só cinco en cumprir o seu soño e gravar o primeiro disco de acordeón en solitario
Antonio co seu acordeón. SEBAS SENANDE
photo_camera Antonio co seu acordeón. SEBAS SENANDE

O que comezou sendo unha broma entre compañeiros, rematou facéndose realidade para Antonio Rodríguez Penín, natural de Santa María de Carteire, parroquia a sete quilómetros de Palas de Rei. Tras 20 anos vivindo da construción, decidiu aprender a tocar o acordeón aos 50, perseguindo a ilusión que tiña por gravar un disco tocándoo en solitario, algo nunca visto e que conseguiu tan só cinco anos despois, fai unha semana. Baixo o nome de Acordeonista Antonio, o CD agocha 16 pezas populares galegas, a maioría orixinais para gaita.

COMEZOS. A afección de Antonio pola música vén influenciada polo seu pai, quen captaba a súa atención mentres armaba pequenas gaitas que facía con elementos do campo. Dende entón, o acordeonista sentiu verdadeiro devezo polos instrumentos musicais. "Tan pronto como puiden, empecei a mercar instrumentos: unha harmónica, unha guitarra, unha melódica (pequeno teclado soplado) e un teclado, o instrumento que máis me chamaba a atención. Eu rascallei neles tanto como quixen sen poder sacar nada, xa que non sabía tocar ningún, pero érame igual", contou Antonio.

Despois de facer o servizo militar, tivo outro encontrón coa música. Aos 23 anos presentouse ás probas do conservatorio de Lugo, no que recibiu clases durante uns meses ata que decidiu deixalo. "Eu pensaba que iso era chegar e poñerse a tocar e estaba equivocado. Era un rapaz de vinte anos moi temesiño que estaba rodeado de nenos pequenos nas clases, polo que adoitaba sentirme avergoñado e fóra de lugar. Deixeino e foi o erro máis grande que cometín na vida", explicou un Antonio xa sen un chisco de timidez no corpo. Esa decisión o mantivo afastado durante varios lustros do que máis tarde se revelaría como a súa grande paixón. Nese tempo, gañouse a vida nun posto de venta ambulante de bisutería e, máis tarde, na construción, onde continúa actualmente.

A cousa cambiou case 30 anos despois. Foi o día en que a Antonio se lle antolla un acordeón, un instrumento ben complexo e único que, como el destaca, "fai a festa sola", unha expresión popular que explica o completo que é o aparello, que pode tocar o ritmo por unha parte e a melodía pola outra, simultáneamente. O palense sentía unha extrema curiosidade e quería facerse coa oportunidade de aprender a manipulalo. Víctor Lamas, músico e amigo, proporcionoullo e animouno a ir a clases. É nese momento no que comezan os primeiros pasos do futuro Acordeonista Antonio.

NOVA ETAPA. Dende entón, tanto el como a súa muller, María José Ríos, que comezou coa pandeireita e quedou coa gaita, levan asistindo a clases de música no municipio de Toques, e formando parte da popular agrupación palense Agarimo, coa que tocan en eventos e animan foliadas dende hai cinco anos, tempo que tamén lle serviu ao acordeonista para cavilar a fantasiosa idea de gravar o seu propio disco.

Fai dous meses, Antonio tropezou con Arturo Vaquero, propietario dun famoso estudo de gravación situado en Friol chamado O Abigueiro, no que traballaron artistas populares como os célebres Fuxan Os Ventos. Vaquero accedeu á proposta de gravar un CD exclusivo de pezas con acordeón e nun mes cúmprese a maxia. No que transcorre unha mañá, Antonio tócalle ao micrófono as 16 obras tradicionais galegas –a maioría, compostas para gaita– que compoñen o disco, comezando por Valse do Campolameiro e terminando coa coñecidísima A Rianxeira. Así, dun día para outro, é como nace o que a el lle gusta denominar "un disco humilde con aire mariñeiro dun albanel que cumpriu o seu soño".

ASPIRACIÓNS. Antonio é un home ao que lle gusta poñerse retos cada día e mover ceo e terra para cumprilos. Sobre todo, despois desta experiencia. "Cando cres algo de corazón e loitas por elo, calquera meta parece posible", dicía, alegando que, efectivamente, non lle faltou a sorte pero buscouse a vida sen descanso para atopala.

Aínda que o traballo na construción segue sendo o que lle dá de comer, Antonio non deixa atrás o soño, segundo as súas palabras, "lonxano", de que a situación dea un revés. "Ogallá invertise a realidade e a música quedase como o meu medio de vida e a construción como hobby", explicou entre risos. Outra das súas ilusións sería poder presentar o seu repertorio nalgún auditorio da provincia. Tamén confesa que, nestes momentos, xa ten a cabeza pensando en melloras para o próximo disco, empezando por atopar un mellor acordeón. Sempre na procura do perfecto, chegou a ter sete, dos cales só conserva dous: o que leva con el a cotío e un máis pequeno, mais aínda non abandoou a busca daquel que o namore.

Ante todo, o acordeonista leva este instinto de superación de xeito humilde e mantendo os pés na terra. "A construción é tan dura e gustáme tanto a música que dende o primeiro día acostumo facer a broma de dicir un día vou tirar a paleta a unha silveira, ao que a miña muller responde mira ben en que silveira a tiras porque igual tes que volver por ela pronto, e ten toda a razón", asumía.

AGRADECEMENTOS. Con todo, Antonio non deixa de sentirse agradecido por aqueles que o axudaron no camiño: Víctor Lamas, músico e compañeiro ao que considera un primer mestre; Manuel Pardellas, presidente da Asociación Musical Agarimo, e a Luís Alfonso Iglesias, profesor dese mesmo grupo.

Despois deste proxecto, o Acordeonista Antonio anima a calquera persoa, xoven e adulta, a que "persigan o que máis queren na vida", pois queda demostrado que "nunca é tarde para cumprir os soños".

Comentarios