viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

DE RUTA

O Eixo Atlántico con vistas ao mar

Vista panorámica de Viana do Castelo.
Vista panorámica de Viana do Castelo.
A ruta polos municipios do Eixo serpea a costa para descubrir as cidades vixiadas polo Océano Atlántico, protagonista de moitas das súas paisaxes, pero sen esquecer outras urbes que agochan importantes tesouros terra a dentro.

image001Tras percorrer as entrañas do Eixo Atlántico, desde esa gran fiestra ao Cantábrico que é A Mariña Lucense ata Vila Nova de Famalicão, pasando por Lugo, Sarria, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Bragança, Macedo de Cavaleiros, Mirandela, Vila Real, Peso da Régua, Lamego, Guimarães, Braga e Barcelos, a segunda ruta polas cidades da asociación de concellos transfronteirizos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal traza o perfil da costa atlántica, aínda que sen deixar de lado os tesouros do interior.

InterregSanta Maria da Feira, pertencente á Área Metropolitana do Porto, é o punto de partida. Malia estar preto de grandes centros urbanos e na confluencia de importantes vías de comunicación, a cidade conserva unha tranquilidade que contaxia ao visitante. O seu castelo, cuxas orixes datan do século X, é unha das súas xoias máis prezadas. Austero pero impoñente, está considerado un dos exemplos máis completos da arquitectura portuguesa. A bonita Igreja Matriz e a Igreja da Misericórdia son tamén monumentos de obrigada visita. Os museos (o do Papel, o dos Loios e o de Santa Maria de Lamas), xunto co Europarque, escenario dun destacado programa cultural, completan as infraestruturas desta cidade na que tradición e modernidade camiñan da man.

A pouco máis de 25 quilómetros cara ao norte, agarda Vila Nova de Gaia, parada máis que necesaria para quen se achegue a Porto, cidade á que está unida pola súa historia compartida na fabricación de viños e, fisicamente, por unha rede de magníficas pontes entre as que destacan a de Dom Luís I, construída por Théophile Seyrig, socio de Gustave Eiffel, e a de Dona Maria Pia, obra do propio Eiffel. Aínda que é coñecida polas súas bodegas, Vila Nova de Gaia é moito máis. O Mosteiro da Serra do Pilar, que data do século XVI e foi declarado Patrimonio da Humanidade; o de Corpus Christi, do século XV, e o de Grijó, do XVI, convidan a unha visita cultural. Tamén é recomendábel achegarse ao acueduto de Arcos do Sardão, constituído por unha bóveda con 23 arcos; á casa Barbot, un exemplar único de Modernismo; ao Solar dos Condes de Resende, unha casa solariega da Idade Media, e, dentro da oferta museística, á Casa-museu de Teixeira Lopes. Non pode faltar tampouco a visita a unha das bodegas de viño do Porto e, para os amantes da natureza, ao Parque Biolóxico de Gaia e ás praias da súa extensa franxa litoral, especialmente á de Miramar, onde, nun pequeno promontorio batido polo mar, descansa a fermosa Capela do Senhor da Pedra.

Despois de ver as mellores vistas do Porto desde Vila Nova de Gaia, cómpre adentrarse na que é a segunda cidade máis grande de Portugal. Nunca as pegadas do tempo resultaron tan belas e sedutoras como neste rincón do país no que os barrios elegantes e as quintas señoriais contrastan co labirinto de rúas estreitas e casas desvencelladas que a Unesco declarou Patrimonio da Humanidade. É obrigado perderse nesa maraña de pequenas rúas que rezuman tanta historia como nostalxia, pasear polo Mercado do Bolhão, degustar os seus afamados viños e visitar lugares tan emblemáticos como a Estación de São Bento, a Torre dos Clérigos, os fermosos Jardins do Palácio de Cristal, a Catedral, a Livraria Lello, a Igreja de São Francisco, a do Carmo, a Capela das Almas, o Café Majestic, o Palácio da Bolsa ou o monumental edificio do Concello que pecha a Praça da Liberdade ao final da Avenida dos Aliados. O percorrido non pode excluír o Porto máis vangardista con paradas na Casa da Música, obra do arquitecto holandés Rem Koolhaas, e na Fundación Serralves, que acolle a Casa Serralves, de estilo Art Déco, e o museo de arte contemporánea deseñado por Álvaro Siza. E, chegada a noite, o paseo por Porto atopa o mellor final na Ribeira do Douro.

Non sen antes degustar as famosas Tripas à Moda do Porto, o viaxeiro deixará esta cidade na procura dun novo destino que atopará a tan só 10 quilómetros.Trátase de Matosinhos, unha poboación pesqueira e portuaria que ten fama pola súa gran praia de area e polos seus máis de 600 restaurantes nos que degustar as delicias do mar. Pero malia que o peixe á grella recende por toda a cidade e ben xustifica unha visita, esta poboación ten máis que ofrecer. O Santuario do Senhor Bom Jesus, de trazo renacentista, é o seu principal monumento, pero non o único. Destacan tamén o mosteiro de Leça de Balio, do século XIV, e tamén o Obelisco da Memória, que lembra o desembarco, en 1832, de Pedro IV e o seu Exército Libertador. Ademais, ata catro dos arquitectos máis representativos da Escola de Porto deixaron a súa pegada nesta cidade: Alcino Soutinho (Paços do Concelho), Fernando Távora (Museu da Quinta de Santiago-Centro de Arte), Eduardo Souto de Moura(Paseo Marítimo) e, como non, o matosinhense Álvaro Siza (Casa de Chá da Boa Nova e Piscina das Marés, entre outras), os dous últimos posuidores do prezado premio Pritzker. E para gozar dunha paisaxe verde cómpre achegarse ao Monte de São Brás, na ribeira dereita do río Leça. 

estuario_do_douro_vila_nova_de_gaia

A seguinte parada está tamén moi preto: Maia. Situada a 14 quilómetros de Matosinhos, esta próspera cidade industrial conta con importantes monumentos como a Igreja de Nossa Senhora do Ó ou de Águas Santas, que data do século X e foi clasificada Patrimonio Nacional. Non menos destacada é a Quinta dos Cónegos, unha fermosa casa señorial do século XVIII envolta en frondosos xardíns. Mais, desde 2001, o símbolo de Maia é a Torre do Lidador, un moderno rañaceos de silueta elíptica cuxos 92 metros o converten no quinto edificio máis alto de Portugal. Débelle o seu nome a Gonçalo Mendes de Maia, O Lidador, heroe da Fundación da Nacionalidade, que tamén conta cunha estatua de bronce a carón do edificio. A estancia en Maia complétase cunha visita ao seu zoo e ao Parque de Avioso, que se desprega sobre 30 hectáreas nas marxes dun afluente do río Leça.

geoparque_litoral_viana

Desde Maia a ruta desvíase cara ao leste para achegarse a Valongo, un municipio que permite cambiar a paisaxe urbana pola tranquilidade do rural. Situado nun val, está rodeado das serras de Santa Justa e Pias, que xunto
coas serras de Paredes e Gondomar conforman o Parque das Serras do Porto, un espazo considerado Paisaxe Protexida Rexional que integra o Sitio Red Natura Valongo e o Parque Paleozoico de Valongo. Os visitantes atoparán aquí vestixios fósiles moi antigos, núcleos mineiros romanos e a pequena aldea de Couce. Valongo conta tamén cunha das maiores canteiras de lousa do país, aínda que foron o seu pan e os seus biscoitos os causantes da súa expansión, de aí que durante moito tempo o municipio fose coñecido como a Terra do Pan e da Lousa. Do seu patrimonio arquitectónico destaca a Igreja Matriz, de mediados do século XIX, e o Cruzeiro, de case sete metros.

De regreso á costa, a seguinte parada é Póvoa de Varzim, unha poboación dedicada tradicionalmente á pesca que nas últimas décadas despunta como un importante destino de verán, xa que conta con grandes areais abertos ao océano. Alén das praias, a visita a Póvoa de Varzim esixe coñecer a Fortaleza de Nossa Senhora da Conceição, un recinto de trazado pentagonal que data do século XVIII; o Aqueduto, cuxos 999 arcos discorren ao longo de catro quilómetros entre Póvoa de Varzim e Vila do Conde; o pelourinho, declarado Monumento Nacional de Portugal; a barroca Capela de Nossa Senhora das Dores e o Casino de Póvoa de Varzim, un edificio de estilo neoclásico que abriu as súas portas en 1934 e hoxe en día é un referente en Portugal pola calidade dos seus eventos e espectáculos. Outros puntos de interese son o Museu Municipal de Etnografia e História, situado no Solar dos Carneiros, e o Pólo Museológico da Cividade de Terroso. Nos arredores da cidade atópanse tamén aldeas e lugares tradicionais, como São Pedro de Rates, cun mosteiro cuxa igrexa é un dos monumentos románicos máis importantes do Norte de Portugal.

Monte de São Bras_matosinhos

A derradeira parada da ruta en terras portuguesas ten como protagonista a Viana do Castelo, cidade de paso do Camiño da Costa Portugués. Trátase dunha urbe que medrou á beira do río Lima e que ten moito que ofrecer, xa que conta cun interesante casco medieval e fermosas praias ás aforas.

Un dos lugares de visita obrigada é o Santuário de Santa Luzia, un espectacular templo que se ergue sobre o monte do mesmo nome, moi cerca do cal se atopan as ruínas da Cidade Velha. De grande interese son tamén o Castelo de Santiago da Barra, o edificio dos Antigos Paços do Concelho (na fermosa Praça da República), a Igreja da Misericórdia e a Igreja Matriz ou Sé. O antigo barco-hospital Gil Eannes, convertido hoxe en espazo museístico, o Museu de Artes Decorativas, o do Traje, e o de Arte e Arqueologia conforman outra interesante oferta. Asemade, Viana do Castelo tamén se considera unha meca da arquitectura, xa que conta con espazos e edificios asinados por grandes arquitectos portugueses, entre eles os dous Pritzker: Alvaro Siza, que deseñou a Biblioteca, e Souto Moura, creador do Centro Cultural. A maiores, non se pode esquecer a ponte de ferro de Gustave Eiffel, construída en 1878. Polo seu interese e innegábel beleza, imprescindíbel é tamén gozar da Paisaxe Protexida Lagunas de Bertiandos e São Pedro de Arcos e do Geoparque Litoral de Viana do Castelo.

Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas - Islas Cies

EN TERRAS GALEGAS. Logo de cruzar a fronteira con Galicia, a viaxe continúa en Vigo, unha urbe cosmopolita e moderna que non renuncia á súa esencia tradicional. Cidade de paso tamén do Camiño Portugués, ofrece un amplo abano de posibilidades para achegarse a ela. Entre as apostas seguras destacan unha visita ás Illas Cíes, o tesouro máis valioso da ría de Vigo e emblema do Parque Natural das Illas Atlánticas, e un paseo pola enleada de rúas do Casco Vello para degustar unha ración de ostras abertas ao momento, contemplar a Colexiata de Santa María, de estilo neoclásico, ou achegarse aos soportais do Berbés, símbolo da orixe mariñeira da cidade. Mais o paseo tamén se pode estender por outras rúas da Cidade Olívica para descubrir a ampla mostra de edificios modernistas cos que conta, como El Moderno (obra de Michel Pacewicz), o Teatro García Barbón (de Antonio Palacios), o Edificio Bonín (de Jenaro de la Fuente) ou o antigo Palacio de Justicia (de José María Ortiz y Sánchez), que desde 2001 alberga o Museo de Arte Moderno (Marco). Ademais de edificios, Vigo dá acubillo a moitas esculturas, entre as que sobresaen O Sireno, o Monumento ao Traballo, os Cabalos da Praza de España ou a Porta do Atlántico, na Praza de América. Recomendábel tamén é achegarse ao Parque de Castrelos para deixarse sorprender polo Pazo-Museo Quiñones de León e, para completar a visita, subir ata o Monte do Castro, onde o viaxeiro coñecerá os seu xacemento castrexo e se deleitará coas mellores vistas da cidade sobre a ría.

Zona vella de Pontevedra

A viaxe polo corazón das Rías Baixas continúa en Pontevedra, unha urbe que nace alí onde o río Lérez abre as súas portas á ría que comparte nome coa cidade e ao Oceáno Atlántico. Grazas ás súas dimensións e a un modelo urbano que aposta pola mobilidade sen motor, a capital da provincia de Pontevedra é hoxe unha cidade para camiñar paseniño, deixándose conquistar polas súas rúas empedradas e coquetas prazas como a do Teucro ou a de Méndez Núñez, onde unha estatua de Valle-Inclán vixía o paso de peregrinos, turistas e lugareños, e outras que deben o seu nome aos gremios que as ocupaban ou as actividades que albergaban, como a da Verdura, a da Leña, a da Pedreira ou a da Ferrería. Nese paseo polo romántico Casco Histórico son moitas as xoias da arquitectura relixiosa que engaiolarán ao visitante, desde o Santuario da Peregrina (emblema do Camiño Portugués) á Basílica de Santa María a Maior (declarada Monumento Nacional, pasando polo Convento de San Francisco(do século XIV,o de Santa Clara (de mediados do século XIV,a Igrexa de San Bartolomé (exemplo de arquitectura barroca de finais do século XVII) e as impresionantes ruínas do antigo convento de Santo Domingo (consideradas o mellor expoñente do gótico galego). Na oferta de Pontevedra tamén ocupa un lugar de honra o seu Museo Provincial, con 16.000 pezas expostas en seis edificios distintos, así como un imperdoábel paseo pola beira do río Lérez, hoxe atravesado por sete pontes. Un paseo que ten un destino obrigado: a Illa das Esculturas, un museo ao aire libre que acolle obras de granito de artistas internacionais da talla de Giovanni Anselmo, Robert Morris, Richard Long ou Francisco Leiro.

A seguinte parada é en Vilagarcía, capital da ría de Arousa e porto natural de Santiago de Compostela. Localizada na cabeceira norte do Salnés, a comarca que concentra a maior superficie de viñedos e bodegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, é famosa polo seu porto, as súas praias e as súas paisaxes, que paga a pena contemplar desde a altura que ofrecen
os seus catro miradoiros: o do monte Meda, o do monte Xiabre, o de Carril e o do monte Lobeira. Ademais de vistas, a cidade conta cun valioso patrimonio histórico no que sobresaen o Pazo e o Convento de Vista Alegre, catalogado
como Monumento Nacional, e o Pazo de Rubiáns, antigo solar dos Caamaño construído no século XVIII en cuxos xardíns hai máis de 60 especies de camelias. Así mesmo, a Praza de España acolle o templo principal de Vilagarcía: a igrexa de Santa Baia de Arealonga, do século XVIII e obra de Pedro Monteagudo. Entre as visitas imprescindíbeis que ofrece Vilagarcía de Arousa non pode faltar tampouco a Illa de Cortegada, en Carril. Integrada no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, este paraíso natural de aproximadamente 54 hectáreas posúe o maior bosque de loureiro de Europa.

RIA FERROL CASTILLOS

NA PROVINCIA DA CORUÑA. Xa na provincia da Coruña, hai que deterse no concello de Ribeira, cabeceira da comarca do Barbanza e beira norte da Ría de Arousa. Declarado Municipio de Interese Turístico, dispón dun importante patrimonio natural e cultural. Testemuñas do seu pasado máis remoto son os numerosos restos arqueolóxicos cos que conta, como o Dolmen de Axeitos, o menhir de Bretal, o petróglifo de Pedra das Cabras ou o Castro da Cidá. E, se o que se busca é beleza, Ribeira tena en exceso en espazos como o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal (de auga salgada) e Vixán(de auga doce), no que marabilla a impresionante duna móbil de 20 metros de altura; na Illa de Sálvora, que pertence ao Parque Natural das Illas Atlánticas, e no Parque Periurbano de San Roque. Como colofón, nada mellor que visitar o Miradoiro da Pedra da Rá, o balcón privilexiado de Ribeira cara ao horizonte do Atlántico. Coroado por unha gran roca en forma de rá, pon diante dos ollos un cadro difícil de esquecer no que se poden ver todos os pobos da Ría de Arousa (Cambados, Vilagarcía, O Grove, A Pobra...) e as illas Ons e Cíes.

corrubedo

Desde Ribeira, cómpre deixar atrás o mar para adentrarse en Santiago de Compostela, capital de Galicia, Patrimonio da Humanidade pola Unesco e meta do Camiño Xacobeo. As súas 170 hectáreas de Casco Histórico son unha auténtica ledicia para a alma e para os sentidos. Non hai un recuncho sen monumentos, sexan igrexas, mosteiros (destacan o de San Martiño Pinario e o de San Paio de Ante Altares) ou pazos (sobresaen o de Raxoi e o de Xelmírez, ambos na emblemática Praza do Obradoiro). Os pés camiñan case sen querer cara á Catedral, a obra máis importante da arte románica en España, cunha presenza e grandiosidade que impresiona. É obrigado admirar a fachada do Obradoiro, o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo e a Porta Santa da Praza da Quintana; subir ás súas cubertas, visitar ao Apóstolo e ver en funcionamento o botafumeiro. Ademais, o rico patrimonio histórico de Santiago incorporou nas últimas décadas importantes pezas da arquietectura contemporánea, como o Museo das Peregrinacións e de Santiago(Manuel Gallego Jorreto), o Centro Galego de Arte Contemporánea (Álvaro Siza) ou a Cidade da Cultura(Peter Eisenman), no Monte Gaiás. Entre os espazos verdes, a Alameda, coas famosas Marías; o Parque Santo Domingo de Bonaval, situado detrás da igrexa do mesmo nome (que alberga o Museo do Pobo Galego e o Panteón dos Galegos Ilustres), e o de Belvís convidan a un relaxado paseo.

Antes de regresar á costa, a ruta adéntrase no interior de Galicia para facer unha parada no concello pontevedrés de Lalín, capital da comarca do Deza e, por suposto, tamén do cocido, o seu prato estrela. Ademais de por este manxar, Lalín é coñecida por ser terra de castros, con nada menos que 32 catalogados. Así mesmo, conserva tamén un centenar de mámoas, anteriores a época castrexa. Os elementos máis característicos da súa arquitectura son os pazos, co Pazo de Liñares (Ben de Interese Cultural) como buque insignia. Nel o visitante pode gozar do Museo da Marioneta (único en Galicia) e da sala do aviador Joaquín Loriga. No tocante á arquitectura relixiosa, o templo máis popular é, sen dúbida, o Santuario da Nosa Señora do Corpiño, protagonista dunha das romerías máis concurridas de Galicia. Merece unha visita o Museo Municipal Ramón María Aller, que honra a figura do astrónomo e matemático lalinense e, para os que busquen verde, a Fraga de Catasós, a Serra do Candán e o Sobreiral do Arnego (os dous últimos espazos, declarados Zona Especial de Conservación, repártense entre diversos municipios).

A ruta reencóntrase co mar na capital da comarca de Bergantiños, Carballo, un municipio coruñés situado entre as Mariñas e a Costa da Morte que goza dunha gran riqueza paisaxística. Ademais dos seus numerosos castros, entre as pegadas que deixou a historia nesta terra destaca o dolmen da Pedra Moura, un dos máis grandes de Galicia. Carballo conserva tamén varias casas nobres como o Pazo do Souto, o de Vilardefrancos, o das Pallas, o de Gontade e o de Louride. A cidade é popular tamén polas súas augas sulfurosas, coñecidas como Baños Vellos, e polo seu pan, famoso pola súa gran calidade e sabor. Asemade, os amantes da natureza e a xeoloxía deben achegarse ao rico ecosistema de Razo-Baldaio, na base do Monte Neme.

A seguinte parada é en Culleredo, moi preto da cidade da Coruña. Terra de muíños, ten o seu mellor expoñente nos de Acea da Má, que con oito séculos de historia son os máis antigos de Galicia e lembran o esplendor que viviu Culleredo na Idade Media. A igrexa románica de Santiago do Burgo, a Ponte do Burgo e a Torre de Celas, baluarte militar considerado Ben de Interese Cultural e actual sede do museo etnográfico de Culleredo, constitúen os seus maiores tesouros arquitectónicos. Con respecto ás vistas e aos paseos, os
mellores son os que ofrece a Ría do Burgo e o Espazo Natural Protexido
do Monte Xalo, que Culleredo comparte con Carral, Cerceda e Laracha.

Xa na Coruña, agarda ao viaxeiro un exquisito cóctel de natureza e historia con sabor mariñeiro. A cidade esténdese sobre unha península unida á terra firme por un estreito istmo, polo que presenta dúas fachadas marítimas: a portuaria e outra de mar aberto perfilada polas praias de Orzán e Riazor. Entre a ensenada do Orzán e o Golfo Ártabro, érguese un dos grandes símbolos da cidade: a Torre de Hércules. Construída no século I e Declarada Patrimonio da Humanidade no 2009, é o faro romano más antigo do mundo e o único desa época que se conserva en funcionamento. Aos pés da Torre o visitante goza dun impresionante parque escultórico e quen sobe os os seus 234 escalóns faino dunha inesquecíbel panorámica do Océano Atlántico. Mais non só desde  alturas se pode gozar das vistas da Coruña, tamén é unha cidade para degustar a pé do mar. Así, é imprescindíbel percorrer os 13 quilómetros do seu Paseo Marítimo (un dos máis largos de Europa), desde o límite costeiro con Arteixo ata o Castelo de San Antón (actual Museo Arqueolóxico) ou camiñar pola Avenida da Mariña para admirar as famosas galerías acristaladas, de estilo modernista, que lle valen á Coruña o alcume de Cidade de Cristal. Non menos importante é adentrarse no seu casco antigo para coñecer a fermosa Praza de María Pita, a Igrexa de Santiago, a de San Xurxo, o convento das Bárbaras (do século XIV) e a Colexiata de Santa María do Campo. A Coruña dispón tamén dunha grande oferta museística, na que destacan os chamados museos científicos: a Casa do Home, tamén coñecido como a Domus, a Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae ou Casa dos Peixes.

A penúltima parada da viaxe ten lugar en Narón, concello pertencente ao xeodestino de Ferrolterra e enclave de dúas grandes rutas de peregrinación, o Camiño de Santo André e o Camiño Inglés de Santiago. A cidade conta cun
importante patrimonio arqueolóxico no que sobresaen ata case unha decena de castros (todos de propiedade privada e non visitábeis agás os de Eiravedra e O Petouzal); a Pena Molexa, chea de maxia e simbolismo, e a Necrópole Prehistórica do Monte dos Nenos, con alomenos 14 túmulos funerarios. No chamado Monte dos Nenos, na parroquia de Sedes, atópase tamén o parque temático do mundo rural Aldea Nova, un espazo de 35.000 metros cadrados que recrea a vida dunha aldea típica de Galicia. Narón tamén dá acubillo a importantes xoias arquitectónicas, como o Mosteiro de San Martiño de Xuvia, declarado Monumento Artístico Nacional; o Pazo-Convento de Baltar, construído a finais do século XVI; a capela de Santa Margarida do Val, do século XV, e o Pazo de Libunca, unha casona de estilo modernista realizada en 1922. Ademais, os amantes da natureza non deben perder un percorrido polas beiras do río Xuvia, no que ao longo de nove quilómetros poden descubrir a idílica paisaxe que forma a rica vexetación e o río xunto a presas, pontes e muíños (salientan o de Ponte de Xuvia e o das Aceñas).

A ruta polo balcón do Eixo Atlántico atopa a súa parada final en Ferrol, unha cidade aberta ao océano que pola súa axeitada mestura de cultura, elegancia urbana e poderío militar aspira a converterse en Patrimonio Mundial da Unesco. Un dos primeiros destinos do viaxeiro debe ser o cuadriculado Barrio da Magdalena, Conxunto Histórico-Artístico en cuxas longas rúas, trazadas ao xeito dunha tableta de chocolate, pódense contemplar fermosos edificios modernistas como a Casa Romero, a Casa Antón e o Teatro Jofré. Non menos atraente é o barrio de Canido, o máis artístico e colorido de Ferrol grazas ás 300 Meninas que poblan as súas rúas, muros e fachadas, no marco dun proxecto ideado polo pintor local Eduardo Hermida para denunciar o abandono da zona e valorado pola Unesco como Itinerario Cultural de Galicia. Para os apaixonados da historia naval, o Castelo de San Felipe, situado a oito quilómetros da cidade nunha paraxe única, e o Arsenal, construído no século XVIII baixo os aires da Ilustración, son visitas obrigadas. E, para xoias, as creadas pola natureza nunha costa de gran valor ambiental dentro da Rede Natura 2000 con cabos como Prioriño e Prior e praias como Doniños, Esmelle e Covas. Achegarse a elas supón un magnífico puntofinal para unha ruta polo Eixo que mira ao mar.

O Eixo Atlántico con vistas ao mar
Comentarios