Vivendas protexidas para colectivos sociais sensibles

Os mozos, os maiores ou as vítimas da violencia de xénero serán algúns dos beneficiarios do convenio firmado pola Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Vivenda, e que prevé varias medidas de actuación destinadas a creación de vivendas ou espazos sociais ós colectivos que máis dificultades teñen para acceder á vivenda.

A principal destas medidas está adicada a resolver ó mesmo tempo a dificultade de acceso á vivenda dos mozos e o illamento dos maiores. Construiranse seis edificios de vivenda protexida en réxime de alugueiro destinada ós novos e máis vellos nos concellos de As Pontes, Lugo, Allariz, O Barco e Vilagarcía de Arousa con espazos comunitarios e un centro de día dentro de cada inmoble.

Santiago contará tamén cun piso en alugueiro de uso colectivo para que os familiares de enfermos con trastornos alimenticios poidan estar máis preto dos pacientes; e cinco novos centros da rede 'Quérote', que proporciona información afectivo-sexual, complementarán nas cidades galegas os que xa existen en Lugo e Santiago.

Violencia de xénero

Outro dos campos de actuación do convenio é o da violencia de xénero. Está prevista a construción de tres vivendas en Santiago, e poderán ser ocupadas polas mulleres procedentes do centro de recuperación integral que se vai pór en marcha na capital galega.

Tamén hai solucións pensadas para os menores, para os que se porán en marcha 14 vivendas con medidas de protección de garda, dúas en cada unha das principais cidades galegas, e cun total de 100 prazas.

Todas estas medidas vanse completar cun centro de estudos, investigación e documentación en materia de servizos sociais. O edificio estará en Lugo, no pazo de Dona Urraca.

Comentarios