Carbón para os conselleiros de Medio Ambiente e Industria

A asociación ecoloxista Verdegaia envioulle cadanseu paquete de carbón aos conselleiros de Innovación e Industria (Fernando Blanco) e de Medio Ambiente (Manuel Vázquez) como castigo polo que consideran "compracencia cara as centrais térmicas de As Pontes e Meirama".

Os ecoloxistas queren denunciar con esta iniciativa que as dúas centrais térmicas, propiedade de Endesa e Fenosa, son as principais emisoras de gases de efecto invernadoiro en Galicia, "enormes fábricas de cambio climático". Lembran que o ano pasado As Pontes emiriu 9,1 millóns de toneladas de dióxido de carbono e Meirama 3,8 millóns de toneladas.

Denuncian que as emisións verificadas nas centrais superan en 1,9 e 1,3 millóns respectivamente as toneladas asignadas a estas dúas térmicas polo Plan Nacional de Dereitos de Emisión 2005-2007 (pdf). Este documento pretende desincentivar a produción eléctrica de carbón, de xeito que se as centrais superan o límite de CO2 que teñen asignado están obrigadas a pagar un 'canon' pola sobredose de gases contaminantes emitidos á atmosfera.

Verdegaia reclama que os gobernos reduzan a cantidade de CO2 asignada ás térmicas e lamenta que na proposta de Plan de Dereitos de Emisión 2008-2012 (pdf) tampouco se levase a cabo "unha forte restrición dos dereitos gratuítos de emisións de CO2".

A organización denuncia que a Consellería de Industra contempla "tan só unha redución do 7% nas emisións do sector eléctrico antes do 2012", mentres que a de Medio Ambiente xa anunciou que o Plan Galego de Redución das Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro "non vai actuar sobre as térmicas". Considera que isto é "virarlle as costas ao 40% da contribución galega ao problema do cambio climático".