As últimas chuvias auguran un mes de xullo sen vagas de lumes

A actual saturación de auga nos solos galegos, derivada das precipitacións rexistradas nos últimos meses, garante unha "situación de baixo risco de incendios ata finais deste mes". Así o augura un estudo do Consello da Cultura Galega, presentado este mediodía en Santiago polo seu coordinador, o catedrático de Edafoloxía Francisco Díaz-Fierros.

As condicións meteorolóxicas rexistradas ata a data marcan a principal diferenza con respecto a xullo do ano pasado. O incremento das precipitacións tradúcese nunha elevada presenza de auga nos solos e, polo tanto, unha redución do perigo de combustión derivado da sequedade da terra. A media de auga acumulada alcanzou en 2006 o índice máis baixo dos últimos 20 anos, con 23'7 milímetros. A marca máis similar remóntase a 1989, outro ano de destacada actividade incendiaria en Galicia, con 25'8 milímetros de auga no chan.

Aínda así, estes datos non converten a 2006 no ano coas peores condicións meteorolóxicas durante o período de máximo risco de incendios, segundo admitiu Díaz-Fierros. Pese a recoñecer a influencia de factores como o vento, "bastante forte e persistente aínda que non excesivo", e a sequía, o tamén vicepresidente do CCG considera que houbo máis desencadeante nos lumes rexistrados o verán pasado, "axudaron outros factores".

As condicións meteorolóxicas de 2007 levan a Díaz-Fierros a afirmar que este "é un ano totalmente diferente" e vaticinou que aínda que deixara de chover este mes, a combustibilidade do chan permitiría garantir unha situación de baixo risco ata o inicio do próximo mes. "Non quere dicir que en agosto non haxa problemas se deixa de chover, non hai que baixar a garda", advertiu.

Problema desenfocado
Ata trinta expertos participaron nos tres debates cuxas conclusións recóllense no estudo 'Por unha nova cultura forestal fronte ós incendios' e que foi remitido á Administración autonómica e ó Parlamento galego. O análise desta problemática en Galicia realízase dende unha triple perspectiva, en función das repercusións ecolóxicas e silvícolas así como a percepción social.

Unha das medidas sinaladas como oportunas é a súa transformación "en enerxía eléctrica", a través das centrais de biomasa. Porén, consideran fundamental que a Administración galega ofreza incentivos económicos para que se incrementen os rozamentos. Os expertos reclaman un mando único que coordine os efectos do lume na degradación da Xunta a corto, medio e longo prazo, tanto en materia de prevención de incendios como na súa extinción.

Dinamizar a propiedade
A dinamización da propiedade forestal e a modificación da estrutura das parcelas nos montes galegos son as dúas cuestións que os expertos apuntan como prioritarias para afrontar un problema que a sociedade xa percibe "como un fenómeno inevitable". Por outra parte, os especialistas sinalan o excesivo protagonismo do entramado de intereses mercantís xerados en torno á actividade forestal en Galicia, "convive perfectamente cos incendios".

Tampouco faltou unha referencia ó tratamento ofrecido dende os medios de comunicación, lamentando que o 60% da información de incendios "só busque os elementos dun suceso" solicitando un tratamento máis analítico que non tenda ó alarmismo.

Comentarios