Santos ou Demos

Definitivamente non formo parte da Igrexa Católica. Seguro que moitos de nós os figurantes desta grande superprodución relixiosa non cumprimos os requisitos mínimos para saír na foto. Unha imaxe distorsionada que serve para que os produtores, directores artísticos e demais purpurados con Ratzinger á cabeza sigan dicindo que posúen influencia política e social suficiente para continuar postulando no atraso da humanidade.

Constantemente observamos como eses señores de negro anímannos a obxectar de calquera cousa que lles faga perder o poder de manipular as nosas vidas. Estes funcionarios das crenzas botan pestes contra leis educativas que non respecten as súas prebendas. Eles negan evidencias e reinventan a súa propia historia e os seus ideais para xustificar calquera atropelo dos empregados divinos. Eles opinan de xeito político cando lles convén ou apoian teorías científicas insostíbeis se con  isto conseguen salvar o “chiringuito” uns séculos máis.

Obxecta! É a consigna máis escoitada nas últimas décadas. A obxección de conciencia, aquela forma loábel de negarse a facer a “mili”, converteuse na marca da casa para enfrontarse ao aborto, á Educación para a cidadanía, aos matrimonios “non tradicionais”, mesmo á práctica de sexo seguro ou ao sacramento de cregos progresistas. Obxecta!

Eu propoño que os galegos do futuro apostatemos en masa. Non máis ofrendas ao santo que serviu para alentar a loita contra o infiel. Hoxe todos, non só os islamitas, somos opositores á palabra de Deus. Por activa ou por pasiva o noso estilo de vida é contrario aos preceitos da Santa Igrexa Romana. Por qué permitirlles, pois, a manipulación política desde os partidos conservadores que no seu cinismo esquizofrénico venden un discurso que incumpren "de facto".

Na Europa que vén, esa que modifica a súa carta fundacional sen consultar aos seus cidadáns, permítense os exabruptos ultra conservadores da Polonia mentres agoniza o ingres dunha Turquía moderadamente islámica. Esa Europa católica na que as igrexas fican baleiras e os centros de ocio colgan o cartel de “non hai entradas”.

O poder castrador dos estamentos eclesiásticos enfróntase a calquera signo de evolución, eis o exemplo da parroquia “vermella” de Entrevías cuxo pecado é achegarse ao máis necesitado. A Igrexa do neoliberalismo segue a ser a corrupta institución que sempre foi, un “antro” onde os pederastas son protexidos e o Woijtila é canonizado por facer milagres sospeitosos demais.

Na Galiza do Santo Apóstolo, símbolo matador de “moros”, o auténtico milagre é chegar a fin de mes, conseguir unha vivenda digna, falar galego sen se converter nun demo ou vivir na túa vila sen medo a que unha planta de gas poña en perigo as nosas vidas a cambio duns míseros postos de traballo.

Visto o visto... ou nos elevan á categoría de Santos ou apostatamos todos, XA!

Comentarios