Os sindicatos esixen ao MEC que cumpra cos compromisos sobre o Estatuto docente

Os sindicatos CC.OO., UGT, ANPE e CSI-CSIF esixiron hoxe ao Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) que cumpra os compromisos adquiridos en relación co Estatuto Docente, ao serlles presentada unha nova proposta de borrador que defrauda as súas expectativas. Como medida de presión, as centrais anunciaron que participarán na concentración de delegados convocada para o próximo 20 de xuño en Madrid.

Os compromisos reclamados polos catro sindicatos sinalaron que os asumiu o MEC na mesa sectorial do pasado 18 de abril, aínda que agora propóñense outros. O primeiro deles fai referencia á xubilación LOE indefinida, unha modalidade que supón un retiro anticipado, establecido en 1990 pola Logse e que sucesivamente se foi prorrogando.

A segunda demanda refírese á promoción profesional non xerarquizante, sen cupos e con iguais posibilidades para todo o profesorado. Ademais, as centrais piden a aplicación do complemento de especial dedicación e unha memoria económica que garanta o cumprimento destes obxectivos.

Os sindicatos, que compareceron este mediodía en roda de prensa en Santiago, expresaron así mesmo a súa satisfacción polo acordo sobre persoais e horarios para o corpo de mestres galegos asinado recientemente coa Consellería de Educación.

En opinión do secretario de acción sindical de ensino público de CC.OO., José Manuel Fontes, o acordo permitirá crear máis e mellor emprego, coa incorporación de 1.100 prazas estables ao persoal.

Entre as melloras, os representantes sindicais destacaron tamén o acordo que permitirá aos funcionarios docentes dispoñer de pagas extraordinarias completas, xa que ata agora non lles abonaban diversos complementos.

Comentarios