Unha nai de Ferrol denuncia na Policía o intento de secuestro do seu fillo de 4 anos nun parque

Parque infantil na praza de Amboage, no barrio da Magdalena. GOOGLE MAPS

O incidente produciuse a última hora do pasado venres na praza de Amboage, no barrio da Magdalena

Unha veciña de Ferrol, nai de dous fillos menores, de 4 anos e 18 meses, presentou unha denuncia na comisaría de Ferrol-Narón, o pasado venres, 15 de febreiro, asegurando que un home tratou de levar consigo o seu fillo maior, sobre as 20.40 horas, cando se atopaba nun parque infantil, situado na praza de Amboage, en pleno barrio da Magdalena. Segundo o relato da nai, "o home comunicoulle algo ao neno, para que se achegase onde el estaba, por fóra do peche, momento no que aproveitou para agarralo", motivando que a muller lle recriminase a súa actitude, o que motivou o encaramento do home, ata que ela comezou a gritar e ameazalo con chamar á Policía. 

Foi entón cando varios das persoas que se atopaban na praza, nalgunhas terrazas de establecementos hostaleiros, ao decatarse do sucedido, acudiron en auxilio da muller e dos seus dous fillos. Nese momento, o home emprendeu a fuxida correndo, o que provocou que o neno comezase a chorar.

A súa nai trasladou que o descoñecido o chamou co pretexto de que era amigo do seu pai e que "a chocase", momento no que "o agarrou" e manifestoulle ao neno: "Imos dar un paseo, pero non teñas medo", ademais de reclamar tamén a presenza da súa irmá pequena, que aínda non cumpriu os dous anos. 

Algunhas persoas situadas no lugar apuntáronlle á nai a posible identidade do home que, ao parecer, segundo estes mesmos testemuños, trataríase dun veciño de Ferrol, dando traslado tamén a nai destes datos aos axentes ante os que puxo a denuncia, para tratar de facilitar a resolución deste suceso.