Unha veciña da Estrada de 30 anos faleceu na madrugada deste domingo tras chocar o vehículo no que viaxaba contra un camión na localidade coruñesa de Teo. O sinistro produciuse ao redor das 07.15 horas na AC-841 no seu paso por Pontevea, no límite entre as provincias da Coruña e Pontevedra, segundo informou o 112 Galicia.
Tal como aseguraron fontes da Comandancia da Garda Civil da Coruña, o coche, un Seat Ibiza, sufriu unha colisión fronto-lateral ao invadir o sentido contrario, o que provocou a morte da única ocupante do vehículo, a pesar de levar posto o cinto de seguridade.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) pediu a colaboración dos membros do GES da Estrada, que tiveron que excarcerar á vítima, e dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que só puideron confirmar o falecemento da condutora.
A Garda Civil continúa investigando as causas do sinistro, pero confirmou que a proba de alcoholemia deu negativa e está pendente de realización a de drogas. Foi necesaria a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico para regular a circulación e a intervención do persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para retirar os restos provocados polo accidente.