Máis autónomos cada día

Os servizos sociais están de celebración. Coa nova Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención a Persoas en Situación de Dependencia, ou máis coñecida como Lei de Dependencia, dase un paso adiante na prestación de servizos a este colectivo de persoas, que por un motivo ou outro, están nesa situación. Anque aínda está botando a andar e a rede de infraestruturas e de persoal non está cuberta, este ano está previsto que os grandes dependentes desfruten dos dereitos que esta Lei lles garante.

A prensa encargouse de darlle moita máis importancia ao tema das axudas económicas, cando estas serán concedidas en contadas ocasións nas que a Administración non sexa capaz de cubrir todas as necesidades ou cando o beneficiario precise dun asistente persoal co obxectivo de acceder á educación ou ao traballo. Este feito seguramente faga a moita xente pensar na inutilidade desta Lei, porque por todos é sabido que os cartos non dan a felicidade pero, como dixo Woody Allen, “produce un estado tan semellante, que faría falla un experto para diferencialo”.

E, ao mellor, as prestacións económicas que non se han de percibir e os Programas Individuais de Atención deseñados polos técnicos pertinentes, son os aspectos que menos gusten da Lei. O feito que sexan outros os que decidan que é o que che fai falla e che tenten organizar a vida, anque sexa para o propio beneficio, nunca lle gustou a ninguén e sempre hai reticencias a que unha persoa allea entre na casa ou que sexa un o que se teña que desprazar a un centro de día ou a unha residencia.

Aínda así, este último punto non é máis que motivo de noraboa: por fin se vai dar unha profesionalización dos coidados e vai ser posible que os familiares destas persoas dependentes, na maior parte dos casos mulleres, teñan o que merecen: un respiro, unha axuda externa e unha posibilidade de acceso ao mundo laboral, dado que o feito de ter que exercer de coidadoras “forzosas”, moitas veces, era un impedimento.

Mentres agradamos a posta en marcha desta Lei, miramos de esguello para o SERGAS e cruzamos os dedos para non ter, neste caso, tantas listas de espera.

Comentarios