Imprevisión

Somos así. Tropezamos dúas veces coa mesma pedra e poñemos cara de parvos. Acontécenos cos incendios, cos colapsos nas peaxes das autoestradas, coa falta de camas nos hospitais, coas colas do dni nas comisarías...

Ibiza tráenos estes días un novo despropósito ambiental. A ministra, Magdalena Álvarez, quere "deixar claro" que a mancha xa non existe como tal senón que é unha "liña". Demasiado parecido a “hilillos”, ministra, demasiado parecido. E entre crear falsas alarmas que repercutan negativamente na dimensión turística da illa e falsear sobre o drama ecolóxico hai un bo treito.

No medio, recoñecer que unha vez máis non estamos preparados para un vertido tóxico na costa. Admitir que deixamos navegar a escasos quilómetros das nosas casas a auténticas bombas flotantes. Outra vez. Que non aprendemos. Que a isto se lle chama falta de previsión e cegueira política e administrativa. Que ha chegar outro Prestige e volveremos botar as mans a cabeza e queixarnos e a situación seguirá igual.

Pero parece que isto da improvisación é o deporte estatal por excelencia. E, se non, pregúntenlles aos 13.000 espectadores que na praza do Obradoiro o pasado sábado perderon 30 euros pola cancelación do concerto de Serrat e Sabina porque algún iluminado non soubo prever que en Galicia chove. Os organizadores debían ser os únicos que non consultaron meteogalicia e por iso o milagre da auga colleunos por sorpresa cun escenario aberto, ademais das carencias graves de son.

A imprevisión e falta de medios para evitar unha situación máis que previsible deberían ter as súas consecuencias. Tanto para a ministra, Magdalena Álvarez como para os organizadores do concerto do Obradoiro.

Comentarios